Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un xuíz obriga ao concello de Vigo a arranxar unha praza que se convirte "nun océano"

Un xuíz obriga ao concello de Vigo a arranxar unha praza que se convirte "nun océano"

Veciños da rúa Zaragoza levan anos protestando polo asolagamento continuo dunha praza pública

G24.gal 27/11/2026 14:51

Os charcos son unha constante na praza da rúa Zaragoza en Vigo, mesmo nunha mañá solleira. Un xulgado da cidade olívica acaba de obrigar o Concello a reparala, e o mesmo xuíz di que este espazo público se converte nun océano cando chove. Dous aparcadoiros levan anos denunciando filtracións e problemas de humidade, e os veciños están fartos.

"Para pasar para alí hai que dar a volta, e ás veces case nin podes saír de aquí. Ese charco multiplícao por 50 ou 60, ou sexa, unha lagoa", comenta un deles, mentres que outro láiase de que "o Concello pasa do tema. Os garaxes están todos inundados, pintamos no verán e agora cáenos a pintura enriba dos coches".

E fronte á inacción do Concello, solucións imaxinativas: "tivemos que poñer pranchas enriba dos coches para que non caera auga nin os cascotes da pintura"; "un señor fronte min ten un telladiño para que non lle caia no coche. Isto é un desastre, mesmo inúndanse os rexistros"; "cando chove moito, retén bastante auga. É incómodo, porque eu que vou coa miña nai en cadeira de rodas, teño que andar facendo eses"; "aquí caeu unha señora, e estas xardineiras estan botando auga a tope", comentan algúns veciños. 

A falta de mantemento dificulta o paso a portais e garaxes e obriga aos veciños a desatascar eles mesmos os sumidoiros. Todos confian en que se execute a sentenza, porque de momento o abandono é total.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade