Deteñen un repartidor en Ferrol por agredir un cliente: "Foi unha violencia desmedida"
Golpeou a un mozo e empurrou ao pai contra a parede con tal forza que o home parteu unha perna
O repartidor non quixo subir o paquete a un cuarto sen ascensor porque superaba os vinte quilos
Chegou ao portal cun paquete para entregar. Era pesado, e para un cuarto sen ascensor.
"Tiña que subir un paquete, pasaba do peso e non o quixo subir". "Vin a un repartidor con un señor duns 60 anos e un rapaz sobre 20 se os tiña. O repartidor non quería subir o paquete, chamounos para que o baixaran a buscar e o señor dicía que non, que o subira porque el o pedira á porta da casa e unha cousa levou a outra", relatan as testemuñas.
A discusión foi subindo de ton e de volume. Os berros escoitábanse no terceiro. Os veciños baixaron alertados.
"Empezaron a forcexar e o repartidor xa levaba un cacho chamándolle idiota repetidamente. O señor só lle pedía que non o insultara", engade o veciño.
"Vin que no portal de enfronte había unha bronca e que o repartidor tentaba saír do portal pero que non o deixaban, suxeitábano con forza e el berraba que quería saír. Vin que a cousa se poñía fea e chamei á policía", conta outra veciña que o veu a poucos metros.
Quería marchar pero co paquete. Pai e fillo impedíronllo e as palabras deron paso aos golpes.
"O repartidor enganchou ao rapaz polo pescozo, púxoo contra a parede, deulle dúas labazadas e cando o pai o quixo separar, pegoulle un empurrón e 'estampouno' contra a outra parede. O rapaz tiña un corte no labio e o pai estaba sangrando pola cara. Tentou levantarse e partiulle perna. Vimos como lle partía en dous cachos e salpicaba sangue por todos lados", lamenta o mozo.
Ese chasquido quedoulles gravado na cabeza. Igual que os insultos e as burlas.
"A escena foi brutal, dunha violencia desmedida. Eu flipei. Ver como lle partía a perna diane nosa mentras tentaba erguerse foi unha loucura", engade aínda conmocionado.
O home que esperaba o paquete tivo que pasar polo quirófano. A policía, que está a poucos metros, detivo o repartidor alí mesmo, o que provocou a indignación das testemuñas, convencidas de que el era a vítima.