Catro anos da conmoción social provocada polo crime de Cristina Cabo
O asasinato desta lucense marcou un fito na concienciación contra a violencia machista na sociedade galega
O 27 de novembro de 2022 Cristina Cabo foi asasinada na súa propia vivenda, na luguesa rúa Quiroga. O asasino, un home que acababa de coñecer nun pub, asestáralle 47 coiteladas por todo o corpo. Tamén lle roubara unha bicicleta e un portátil, que serviu para que a irmá do verdugo o delatase ante a policía xunto co seu cuñado.
"Eles foron as persoas que o denunciaron no seu día, e reafirmáronse en que o fixeron cando se decataron de que fora el o autor do asasinato", sinalaba Fernanda López, avogada da familia da vítima, o 26 de maio de 2025.
Tras dous anos e medio en prisión preventiva, José Uriel Valencia Silva foi xulgado na Audiencia Provincial de Lugo en maio de 2025 e condenado ao mes seguinte a 26 anos de cadea por asasinato con asañamento e aleivosía. Posteriormente, o pasado mes de xaneiro o Tribunal Superior de Xustiza ratificou esa condena, unha das máis elevadas na historia recente do noso país.
"Esiximos con firmeza que se penalice ao máximo. É o mínimo que se pode facer. E sacar este psicópata das rúas", afirmaba ao inicio do xuízo Ana Torrón, presidenta da Plataforma Feminista de Lugo.
O asasinato de Cristina Cabo conmocionara a cidade de Lugo e toda a sociedade galega. As manifestacións de repulsa polo crime supuxeron un antes e un despois na concienciación social contra a violencia machista.
"Temos un revulsivo neste caso, que é sangrante. E aínda non se avanzou o que se tiña que avanzar, porque é un caso que non foi catalogado como violencia machista. A violencia sobre as mulleres, polo simple feito de ser mulleres, debe recollerse como violencia de xénero. Polo tanto, marcou un camiño no que temos que seguir loitando", salienta Ana González Abelleira por parte da Plataforma Feminista Galega.
En base a que asasino e vítima non eran parella, o crime non fora recoñecido como un caso de violencia machista. Catro anos despois, os colectivos feministas seguen a reivindicalo.