Seguen aumentando os accidentes con xabarís
Cada ano que pasa, Galicia bate un novo récord de accidentes con animais
Ourense e Lugo están entre as seis provincias españolas con maior número de sinistros, fundamentalmente con xabarís
Os accidentes con animais son o principal problema de seguridade viaria en Ourense. No que levamos de ano, ascenden a máis de 1.500, o 70 por cento con xabarís.
David Llorente Rey, xefe provincial de Tráfico de Ourense: "Cantas máis hai e non se dá parte porque non temos a cobertura no seguro do vehículo ou porque o condutor bebeu ou tomou outras substancias e non dá parte porque sabe que lle van facer as probas porque é un accidente".
No conxunto de Galicia, a sinistralidade con animais duplicouse en oito anos. Ourense e Lugo están entre as provincias do Estado máis afectadas.
"A provincia con máis sinistros de España con animais é Burgos, pero no top 6 ou 7 están Ourense e Lugo. E vai medrando", explica Llorente.
Os profesionais da condución aconsellan extremar a atención nas estradas secundarias.
Luis Nóvoa Fernández, presidente da Asociación de Autoescolas de Ourense: "A importancia de fixarse na sinalización, respectar a velocidade máxima, para que o sinistro sexa máis leve. E evitar dar xiros bruscos de volante, porque podemos invadir o sentido contrario".
Aconsellan tamén revisar a cobertura do seguro e empregar dispositivos disuasorios, como os repelentes acústicos, aínda que non son eficaces ao cen por cento.