A inundación dun garaxe dana 15 coches en Santiago de Compostela
O anegamento foi provocado pola rotura dunha tubaxe
Nalgúns puntos a auga superou o metro de altura
Completamente anegado; así é como quedou a segunda planta deste garaxe da avenida de Vilagarcía en Santiago de Compostela. A causa foi a rotura dunha tubaxe durante a madrugada. A avaría non foi detectada ata primeira hora da mañá.
Unha das afectadas asegura que foi un veciño do edificio quen a avisou da inundación. Di que a detectou cando chegou de traballar a primeira hora da mañá.
Cando chegaron os bombeiros a auga superaba o metro de altura nalgúns puntos. Hai quince coches afectados.
Outra veciña do edificio asegura que o seu coche é o máis afectado xa que estaba na parte máis fonda do garaxe. Non quixo baixar a velo pero os bombeiros dixéronlle que a auga entrou no interior do vehículo. Un rapaz que afortunadamente non sufriu danos no coche apunta que hai uns quince coches afectados pola inundacións e que algúns poderían ter danado o motor.
Os bombeiros de Santiago estiveron máis de seis horas retirando auga do interior con dúas bombas de achique. Din que amais dos vehículos a inundación afectou á caldeira do edificio que quedará inutilizada durante polo menos unha semana.