Falece unha muller de 49 anos atrapada nun pozo en Vila de Cruces
Parece que a muller caeu no pozo mentres o limpaba, en San Pedro de Losón
O tráxico accidente sucedeu no lugar do Pazo, na parroquia crucesa de San Pedro de Losón. Polo que contan os veciños, Laura saíra atender as cabras e debeu de poñerse a limpar un pozo na leira. Asomouse, caeu de cabeza e non puido saír.
Contra as cinco da tarde un fillo saíu buscala, e atopouna atrapada no pozo. Deu a alarma e, coa axuda doutros familiares e veciños, conseguiron sacala. Parece que xa afogara.
Para cando chegaron a Garda Civil e a ambulancia do Servizo de Emerxencias, só puideron confirmar o falecemento da muller. Tiña 49 anos.
Á última hora da tarde procedeuse ao levantamento do cadáver. Non tiña -segundo a Garda Civil- signos de violencia. O corpo foi trasladado ao hospital Provincial de Pontevedra para realizarlle a autopsia.