Un incendio calcina unha vivenda abandonada do barrio coruñés de Eirís
No interior da casa había unha persoa que lorou fuxir das lapas polos seus propios medios
Faltaban poucos minutos para as tres da madrugada cando, por causas aínda descoñecidas, se orixinaba un incendio no interior dunha vivenda do barrio coruñés de Eirís que levaba anos abandonada.
"Empecei a ulir moito fume, abrín os ollos e vin os reflexos do lume no espello. E xa me erguín rapidamente e chamei os bombeiros, porque as lapas saían por fóra do tellado. Impactoume bastante", explica Natalia León, unha veciña que foi a primeira en chamar os bombeiros.
Ao lugar desprazáronse tres vehículos de bombeiros con nove efectivos que tiveron que ser reforzados por un camión e outro bombeiro de apoio dada a virulencia do lume.
"Caeu parte do forxado e unhas táboas. Xa estaba apuntalada e estaba unha vivenda en ruínas totalmente", di Eduardo García, sarxento dos bombeiros da Coruña.
Estaba xa totalmente en ruínas pero, segundo conta a veciñanza, empregábana como refuxio para pasar as noites. De feito, no momento en que se declarou o incendio, había no interior unha persoa que foi quen de saír polos seus propios medios.
"Os do 061 dixéronme que vivía un mendigo aí e foi ao hospital", engade Natalia.
Pola mañá, dúas dotacións de bombeiros volveron á zona.
"Podían quedar algúns residuos ou lapas e viñemos a comprobar, e quedamos coa policía porque estaban interesados en vir a valorar eles o inmoble", conclúe o sarxento dos bombeiros.
Amais, a Policía Científica colleu pegadas para tratar de esclarecer este suceso.