Unha condutora perde o control do coche, sae voando e acaba sobre un depósito de gasoil
A propietaria da casa de Fene na que acabou o vehículo di que é o terceiro accidente nos últimos dous anos
"O coche debeu de perder o control aí abaixo e empezou a dar voltas. Voou e veu pol aire ata encaixarse aí. Caeu sobre un depósito de gasóleo. Grazas que estaba case baleiro. Chega a estar cheo e aquí rebenta o coche, nós e todo".
Así conta Beatriz, aínda co susto no corpo, como foi este último accidente no que o vehículo implicado foi parar á súa propiedade. Eran as oito e media da mañá e, en canto sentiu o golpe, saíu. Rapidamente se achegou ao coche e comprobou que no interior só estaba a condutora.
"Eu cando a atopei estaba inconsciente. Pero co ruido de golpear as portas e ao berrarlle,mirou para min. E ao final falou coa súa nai por teléfono e tamén con Tráfico", engade Beatriz.
Pero non era quen de saír polo seu propio pé do turismo porque estaba atrapada. Os bombeiros de Betanzos tiveron que excarcerala.
"Colaboramos que GES de Mugardos e unha vez que tiñamos o coche estabilizado, accedimos ao interior do vehículo, inmobilizados a vítima e seguindo as indicacións do 061 fixemos a extracción. Finalmente ela foi trasladada por unha ambulancia ao hospital Arquitecto Marcide", explica Eduardo Lourido, cabo xefe do parque de bombeiros de Betanzos.
Alí estase a recuperar das súas feridas. Entrementres, Beatriz suma un novo accidente dun coche contra a súa casa de Fene á súa particular listaxe.
"É o terceiro accidente que hai desde que pecharon coa varanda de protección. Eu pedín un muro para protexernos, pero dixeron que non. Por favor, que tomen medidas", engade a propietaria da casa de Fene.
Á media mañá o vehículo sinistrado era retirado por un guindastre.