Protestas polos cambios nas liñas dos autobuses urbanos de Ourense
Os usuarios quéixanse de atrasos e percorridos moi longos
Desde a implantación o pasado 16 de setembro xa houbo varios axustes
O número de liñas de autobuses urbanos reduciuse á metade en Ourense. Cambiaron os números, as frecuencias e os percorridos, e, tres semanas despois, aos usuarios habituais séguelles custando adaptarse. Cada semana hai novos axustes.
"Porque hai que baixar aquí e coller outro para ir á residencia, queres ir á praza e hai que baixar aquí... un desastre!". "Chegamos quince minutos tarde a clase todos os días porque o autobús non cumpre os horarios. Non hai autobuses suficientes para ir e volver. Temos que saír hora e media antes de casas". "Eu estou contenta porque antes era cada hora e agora cada media hora", comentan varios usuarios.
Quéixanse, sobre todo, da lonxitude dos percorridos, que os pasea por toda a cidade antes de chegar ao destino.
"Fas o percorrido, levas o bocadillo, por se acaso, e cómelo no bus", tira de retranca un usuario.
Tamén hai confusión cos horarios. "Hoxe estiven media hora esperando polo autobús e o que pasou, pasou cheísimo", comenta unha muller que acaba marchando a pé, farta de esperar.
Sancións
A través das redes sociais, o alcalde sinala os condutores que estacionan nas paradas, complicando a mobilidade dos autobuses, e anuncia que incrementará a vixilancia e as sancións.
A última polémica foi o traslado da parada da estación intermodal ao pé duns colectores do lixo, que xa foron selados polo servizo municipal de limpeza.