O Goberno declara as illas de San Simón e San Antón como Lugar de Memoria Democrática
O penal franquista estivo operativo entre outubro de 1936 e o 15 de marzo de 1943, e por el pasaron máis de 5.600 presos
Máis de 500 presos morreron debido á falta de alimentos, a aglomeración e as pésimas condicións, especialmente duras para unha poboación reclusa composta principalmente por persoas maiores de 60 anos
A declaración, que non modifica os usos da illa, establece medidas para garantir a conservación, protección e difusión do lugar, entre elas, a instalación de placas e paneis
O Boletín oficial do Estado (BOE) publica este venres a declaración das illas de San Simón e San Antón, situadas na ría de Vigo, como Lugar de Memoria Democrática.
A resolución, tramitada conforme a Lei de Memoria sinala que ambas as illas, situadas no municipio pontevedrés de Redondela, foron utilizadas como penal durante a Guerra Civil e nos primeiros anos da ditadura franquista.
A publicación oficial lembra que o penal, inicialmente concibido como unha prisión provisional, estivo operativo entre outubro de 1936 e o 15 de marzo de 1943, e que por el pasaron máis de 5.600 presos.
O penal estaba formado por illas, San Simón e San Antón, unidas por unha pequena ponte: na maior, San Simón, atopábanse os pavillóns de presos, mentres que San Antón albergaba o cuartel da guarnición militar encargada de custodialos e o cemiterio.
Segundo a resolución publicada no BOE, máis de 500 presos morreron debido á falta de alimentos, a aglomeración e as pésimas condicións, especialmente duras para unha poboación reclusa composta na súa maioría por persoas maiores de 60 anos.
A declaración establece medidas para garantir a conservación, protección e difusión do lugar, entre elas a instalación de placas e paneis.
Aínda que non modifica os usos actuais das illas, determina que calquera actividade que se desenvolva nelas deberá ser compatible coa preservación da memoria das violacións dos dereitos humanos para evitar que se repitan.
Con iso, o Goberno pretende garantir que se respecte o recoñecemento e a reparación moral das vítimas e defender os principios de xustiza, verdade e reparación.