As estatuas do Mestre Mateo volven a Santiago tras máis de sete décadas no pazo de Meirás
A familia Franco devolve por decisión xudicial as dúas estatuas medievais espoliadas
Tras a súa recepción e inspección, o próximo día 11 de decembro as estatuas serán expostas ao público
Santiago de Compostela recuperou este luns as dúas estatuas románicas atribuídas ao Mestre Mateo, o creador do Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago e que hai máis de 70 anos, en 1954, Carmen Polo, a muller do ditador Francisco Franco, decidiu levar á súa residencia de verán, o pazo de Meirás en Sada ( A Coruña).
Tras setenta anos alí, as figuras foron trasladadas esta mesma xornada desde o pazo de Meirás ata o Museo do Pobo Galego en dúas caixas fabricadas especialmente para este desprazamento e, á súa chegada á capital galega, foron inspeccionadas polos técnicos de patrimonio nun acto aberto á prensa.
Tras a súa recepción e inspección, o próximo día 11 de decembro as estatuas serán expostas ao público para reivindicar non só o seu valor como obras artísticas senón como exemplo de “memoria viva e historia colectiva”.
Así o sinalou a alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, que asistiu á recepción e apertura das caixas en que chegaron as estatuas.
Para a rexedora, este un de decembro é unha xornada “feliz” e de “celebración” xa que supón unha vitoria contra esa “impunidade” que ata o de agora, cincuenta anos despois da morte do ditador, aínda continuaban tendo os Franco.
“Que houbese que esperar tantas décadas para recuperalas dá boa mostra da impunidade coa que sobreviviu o franquismo entre nós”, axuizou a representante municipal.
Cumprimento da sentenza
A recuperación das figuras, en cumprimento dunha sentenza do Tribunal Supremo, supón que “por primeira vez” a familia Franco deba “devolver os bens incautados” hai décadas.
Desde o Concello de Santiago confían en que o “carácter pioneiro” desta resolución teña continuidade e permita que tamén se recuperen outros bens como a Casa Cornide na Coruña ou as pías bautismais de Moraime, procedentes de Muxía, pero que eran empregadas pola familia Franco como xardineiras no exterior do inmoble de Meirás.
Proceso de recuperación
A loita por recuperar as estatuas arrincou en 2017, con Martiño Noriega (Compostela Aberta) á fronte da alcaldía e tras pasar por varias instancias, finalmente no verán deste ano 2025 o Tribunal Supremo ditaminou que as estatuas eran propiedade do Concello de Santiago e non da familia Franco, como argumentaban os netos do ditador.
A sentenza do Supremo considera probado que as dúas figuras dos profetas Abraham e Isaac son as mesmas que o consistorio compostelán adquiriu en 1948 por 60.000 pesetas e que, seis anos despois, o entón alcalde a cidade enviou ao pazo de Meirás, a residencia de verán do ditador “sen adoptar acordo algún” e “por vía de feito”, unicamente “movido polo desexo de compracer a esposa do xefe do Estado”.
Tamén a Xunta de Galicia deu pasos para recuperar as figuras ao declarar como Ben de Interese Cultural (BIC), e por tanto de especial protección, nove esculturas da desaparecida fachada do Pórtico da Gloria, atribuídas ao Mestre Mateo, entre as que se atopaban as dúas pezas en cuestión.
No Museo do Pobo Galego
Agora, as estatuas medievais de granito da catedral de Santiago de Compostela permanecerán no Museo do Pobo Galego -de titularidade municipal- polo menos ata o próximo mes de maio para que a cidadanía poida visitalas.
A súa localización definitiva decidirase en base ás opinións e recomendacións de diferentes expertos e historiadores que ao longo dos próximos meses se reunirán no museo, que organizará numerosas actividades relacionadas coa memoria histórica para reivindicar este logro.
Con estas xornadas, o Concello de Santiago quere dar a coñecer “a verdade do que foi todo este proceso” para que “se coñeza e se difunda” co obxectivo de obter, por fin, “xustiza e reparación”.