A catedral xemelga de Santiago, unha ferramenta para preservar o patrimonio
O proxecto KHN para crear xemelgos dixitais que monitoricen a calidade do aire en monumentos foi financiado cos fondos de Transición Dixital
A de Santiago é a primeira catedral á que lle naceu unha irmá xemelga: coas mesas dimensións, os mesmos recunchos e ata con niveis idénticos de humidade e de temperatura. É unha xemelga dixital. E nace despois de catro anos de arduo traballo científico destinado á mellor conservación do patrimonio.
"Un río atmosférico sae de América Central, entra pola ría de Noia e bate de fronte coa Catedral de Santiago, que se ve afectada polo impacto da humidade e da temperatura da contorna", explica o catedrático de Física Jorge Mira.
"O estudo do aire como fluído na ventilación, saber como é a curva de baleirado de aire nun espazo pechado, comezou a cobrar máis importancia coa pandemia. E aí, hai catro anos e subvencionado polos Fondos de Transición Dixital, comezamos a ver como monitorizar a calidade do aire na Catedral de Santiago", di Mira.
"Se o aire entra polas Praterías ou ás veces pola Inmaculada vemos que non é trivial estudar as correntes porque poden chegar a zonas como o Pórtico da Gloria", explica Alberto Otero, outro dos responsables do proxecto.
E poden afectar as estruturas e obras de arte do interior. Así que definiron ben a xeometría, cada recanto, e dividiron o aire en máis dun millón pequenos volumes, que achegan datos exactos de humidade, temperatura.
"Así podemos resolver as ecuacións do aire en todos eses puntos, que son máis dun millón. É, por así dicilo, unha especie de predición meteorolóxica extrema dentro do propio templo", engade Jorge Mira.
O proxecto aplicouse tamén no tempo de Santolalla de Mera, onde permite medir o nivel de radon. En tempo real, con este programa, que é exportable con facilidade a calquera edificación.