A xustiza compútalle a Martiño Ramos os 153 días que pasou no cárcere en Cuba
O mestre ourensán foi extraditado en abril para cumprir a pena por violar unha alumna menor de idade
Con esta liquidación, a súa estancia na cadea rematará dentro de 13 anos, en maio de 2039
Martiño Ramos chegaba de volta a España o pasado 23 de abril para cumprir a condena que lle impuxo a Audiencia Provincial de Ourense en 2024 por violar, con prácticas sádicas, unha alumna súa desde os 12 ata os 16 anos. Remataba así a fuga emprendida polo mestre ourensán para eludir o cumprimento da pena. Ramos, coñecido tamén pola súa militancia na extinta formación política En Marea, chegou a estar na lista dos dez españois máis buscados pola xustiza.
Segundo a investigación desenvolvida á par da orde de busca internacional, pasou por Portugal, O Brasil, O Perú e estableceuse finalmente como fotógrafo en Cuba, con algúns retoques na súa imaxe e tamén no seu nome habitual, que pasou a ser Martín Soto. A súa actividade en redes sociais e a alerta da organización Madres Protectoras axudou a localizalo na capital caribeña.
Martiño Ramos fuxira para eludir a orde de entrada en prisión para cumprir a condena
Diante do risco dunha nova fuga, a petición de España, as autoridades cubanas ordenaron o seu arresto. Cinco meses despois completouse a súa extradición para cumprir a condena nunha prisión española.
Agora a xustiza compútalle os 153 días pasados no cárcere cubano como pena xa cumprida. Con esta liquidación, a súa estancia na cadea rematará dentro de 13 anos, en maio de 2039.