"Que Martiño Ramos ingrese en prisión é unha alegría para a vítima e súa contorna"
Condenado por violar unha menor que era alumna súa, a vítima respira, por fin, tranquila tal como asegura o avogado da familia
Case unha década transcorreu desde que a vítima comezara a sufrir os abusos de Martiño Ramos, con só doce anos de idade, ata que finalmente o violador entra en prisión. Polo medio, a denuncia, o xuízo, os recursos, a condena e a fuxida a Cuba, que dilatou o sufrimento da vítima e a súa familia.
Pablo Pedrouzo, avogado da vítima: "É un punto de descarga emocional importante. Que ingrese en prisión é unha alegría para o entorno da vítima e para a propia vítima".
Martiño Ramos fuxiu en canto soubo que a condena era firme, que non había máis recursos posibles. Ata entón, sempre respectara o proceso e os requirimentos que lle facía o xulgado.
"Os seus parentes están en Ourense, el reside en Ourense, é activista político na capital desde hai tempo... tiña o que se coñece como "arraigamento". Hai que ter enconta que, incluso en situacións ilóxicas coma esta, o sistema ten recursos suficientes para facer cumprir a lei, neste caso, traéndoo de Cuba", sinala o avogado.
Aínda que a decisión depende de institucións penitenciarias, o avogado da vítima calcula que tardarán meses en trasladalo a outro cárcere. A fuxida ten consecuencias penitenciarias.
"Supoño que desde o punto de vista penitenciario estará alí unha boa temporada e despois irase vendo se se pode achegar a Galicia, á súa contorna, pero vano mirar con lupa. Non vai ter ningún beneficio por facer o que fixo. A condena é firme e hai que cumprila", explica Pedrouzo.
Trece anos e medio de prisión é a condena que lle impuxeron, ademais de inhabilitalo para seguir exercendo como mestre unha vez que quede libre.