Trasladan a Martiño Ramos, condenado por pederastia, a un cárcere galego
O pasado mes de xullo foi levado á prisión de Monterroso e clasificado co segundo grao penitenciario
Martiño Ramos, o exprofesor ourensán, activista político e pederasta condenado, dorme desde xullo no interior deste cárcere lugués de Monterroso. Confirmóunolo a Delegación do Goberno en Galicia, que apunta ademais que o recluso foi trasladado a aquí procedente da prisión de Aranxuez, en Madrid, o pasado mes de xullo.
Sóubose tamén que Ramos foi clasificado co segundo grao penitenciario seguindo os criterios de arraigamento da Lei penitenciara española, que permite aos reclusos cumprir a maioría da condena preto da familia. Segundo esta mesma lei, unha vez cumprida unha parte da condena e se se dan os requisitos de bo comportamento e evolución, podería solicitar os primeiros permisos de saída.
Martiño Ramos chegou a España tras a súa extradición desde Cuba o pasado mes de abril. Fuxira á illa caribeña en xullo de 2025, uns días antes de que se lle notificara a condena firme de 13 anos e medio de cadea polo delito de agresión sexual continuada a unha exalumna menor de idade. Tras aterrar en Madrid, a xuíza do Tribunal de Instancia decretou para el a orde de ingreso inmediato en prisión. Hoxe sábese que ao cárcere de Aranxuez. Ramos foi daquela incluído polo Ministerio do Interior entre os dez prófugos máis buscados.