Acusado de violar 34 nenos amigos dos seus fillos nun novo caso de pederastia en Francia
O sospeitoso, un pai de familia de 40 anos, puido violar entre 2020 e 2024 nenos de entre 3 e 9 anos que ían ao seu domicilio para xogar cos seus propios fillos
O home fixo gravacións: os xendarmes descubriron máis de 300 fotos e vídeos
Escola de Lucenay (France Press)
Un home está en prisión provisional acusado de violar polo menos 34 nenos na pequena localidade de Lucenay, ao norte de Lión, nun caso que sae á luz no ronsel de dous grandes escándalos sexuais en Francia: o do médico pederasta Joël Le Scouarnec e as violacións a Gisèle Pelicot.
A Fiscalía de Villefranche-sur-Saône anunciou este xoves que se puxo en marcha un dispositivo de atención ás potenciais vítimas e indicou que, proximamente, organizarase unha reunión coa xuíz encargada da investigación.
Segundo os elementos que manexan os investigadores, o sospeitoso, un pai de familia de 40 anos, violou entre 2020 e 2024 nenos de entre 3 e 9 anos que ían ao seu domicilio para xogar cos seus propios fillos. O diario 'Le Monde' revelou que o sospeitoso fixo gravacións.
A investigación comezou a tomar corpo a finais de 2024, cando tres familias presentaron denuncias por agresións sexuais aos seus fillos cometidas durante festas de pixamas organizadas na residencia do sospeitoso.
Nese momento, o home foi posto baixo custodia policial e intentou suicidarse.
Desde xaneiro de 2025 o sospeitoso está en prisión provisional, formalmente acusado de agresión sexual contra menores e gravación e tenza de imaxes pedopornográficas. Os xendarmes descubriron máis de 300 fotos e vídeos.
Este escándalo fíxose público un ano despois da condena a 20 anos de cárcere ao cirurxián Joël Le Scouarnec por violar e agredir sexualmente 299 vítimas, na súa maioría cando eran menores de idade, en varios hospitais franceses onde traballou entre 1989 e 2014.
A finais de 2024 fixérase pública a sentenza do caso de Gisèle Pelicot, a muller violada en estado de inconsciencia baixo o efecto de fármacos durante unha década por decenas de descoñecidos e polo seu propio marido, que era quen os ía buscar e que foi condenado a pasar 20 anos entre reixas.