Cuba extradita o ourensán Martiño Ramos, exprofesor condenado por violar unha menor
Cinco meses despois do arresto e de que o Goberno español pedise a súa entrega, aceptou o traslado para cumprir a pena de prisión imposta
No verán do 2024, a Audiencia Provincial de Ourense condenouno a 13 anos e medio de cadea por violar unha alumna menor de idade e abusar sexualmente dela
No momento da súa detención na Habana o exmilitante de En Marea figuraba na listaxe dos dez fuxitivos máis buscados pola Policía Nacional
Listaxe dos máis buscados pola Policía Nacional
O ourensán Martiño Ramos Soto, detido en Cuba tras fuxir para non cumprir unha condena de 13 anos e medio de cárcere por violar unha menor de idade, foi finalmente extraditado de volta a España este mércores.
Fontes próximas ao proceso informaron a EFE que Ramos Soto embarcou este mércores nun avión rumbo a Madrid tras aceptar voluntariamente o seu traslado a España para cumprir a pena de privación de liberdade, cinco meses despois da súa detención en Cuba.
Este profesor de 50 anos e coñecido activista político foi arrestado na Habana en novembro pasado, en cumprimento dunha solicitude da Audiencia Provincial de Ourense e tras un proceso de colaboración entre ambos os dous países.
Ramos Soto era no momento da súa detención un dos dez nomes de reclamados pola xustiza española, cuxa localización e arresto eran prioritarios para a Sección de Fuxitivos, que recentemente solicitara a colaboración cidadá para solicitar posibles pistas.
Segundo a reconstrución dos seus meses na illa que puido realizar EFE, o fuxido fíxose pasar na Habana por fotógrafo, facíase chamar Martín Soto e tratou de integrarse na escena cultural da capital cubana.
Mantiña actividade en contas sociais sen grande segredismo e, segundo varios testemuños, empregaba a escusa da fotografía para entrar en contacto con mulleres novas. En Cuba non consta que teña ningunha denuncia.
A Policía Nacional Revolucionaria (PNR) de Cuba parecía estar ao tanto da entrada do violador no país e mantiña unha vixilancia sobre a súa persoa, pero non procedeu a detelo inmediatamente.
Segundo informou a Sección de Fuxitivos da Policía Nacional, Ramos Soto é natural de Ourense, ten 50 anos e foi condenado a 13 anos e medio de prisión por abusos sexuais a unha alumna menor de idade, mediante prácticas sádicas, cando a vítima tiña entre 12 e 16 anos.
Unha vez foi condenado en xullo de 2025, Ramos Soto non atendeu o auto de entrada en prisión para cumprir a pena. Entón emitiuse unha orde de detención nacional, aínda que os axentes tiñan xa indicios de que o condenado se atopaba fóra de España.
Segundo a reconstrución policial da súa fuga, Ramos Soto desprazouse en xullo a Portugal para, desde Lisboa, voar ao Brasil. De alí viaxou ao Perú e logo, finalmente, a Cuba. A policía española consideraba que o condenado contaba con algún apoio na illa.
Alén de profesor de educación infantil e primaria, Ramos Soto é exmilitante da extinta En Marea e coñecido na súa cidade, Ourense, por impartir clases de música e polo seu activismo.
A súa inclusión na lista xunto con outros dez fuxitivos -hai coñecidos narcotraficantes, un asasino, un histórico atracador e varios agresores sexuais,- débese, segundo a Sección de Fuxitivos a unha cuestión estratéxica.
En febreiro deste 2026 perdeu a súa praza de mestre, conforme á pena de inhabilitación imposta.