Os termómetros superan os 35 graos na Coruña, a súa marca histórica nun mes de xuño
A cidade de Ourense repite a temperatura de onte, Ferrol supera os 37 graos e a Coruña bate rexistros chegando aos 35,9
Xornada de calor abafante con avisos amarelos por calor e treboadas intensas
Treboadas na montaña de Ourense e Lugo que refrescarán o ambiente este domingo, aínda que as previsións apuntan a máximas de 30 graos
Xornada de termómetros en vermello dende primeiras horas da mañá, repetindo e mesmo superando o vivido este venres en todo o país, é a que están rexistrar as estacións de Meteogalicia.
Na cidade de Ourense, para a que estaba prevista unha máxima de 38 graos, os medidores chegaron aos 37,8 as catro deste serán.
No interior de Lugo acadáronse valores máximos de 36 graos en lugares coma Monforte de Lemos ou no propio Lugo. E é que xa de mañá, as temperaturas apuntaban moi cara arriba.
"Pois eu magnificamente ben porque estou cansa de tanto frío e estes días estou desfrutando", comenta unha veciña de Forcarei, en Lugo.
Para hoxe había operativo un aviso amarelo por calor intensa, que ademais de Ourense e Lugo, tamén comprendía a maior parte da provincia da Coruña. E os datos de Meteogalicia confirmárono: 35, 3 graos en Santiago de Compostela, 36 en Ordes, máis de 37 en Ferrol e A Coruña batendo o seu rexistro histórico dun mes de xuño co mercurio estirándose ata os 35,9 graos. Unha xornada abafante que se viviu en toda Galicia.
"Non é normal esta calor. Será normal para o mes de xullo, non para agora. O tempo está tolo", queixase unha das moitas residentes na provincia lucense que as temperaturas tórridas desta xornada sorprendérona.
Todo ese aire quente en circulación acabou activando outro aviso amarelo por treboadas e fortes refachos de vento na provincia de Ourense e na metade sur de Lugo, que xa na tardiña deixaban refachos de máis de 70 quilómetros por hora en zonas coma Valdeorras.
Para este domingo as choivas ocasionais contribuirán a refrescar o ambiente, pero só un chisco: as principais cidades galegas seguirán chegando aos 30 graos.