Sánchez admite que cobrou en efectivo do PSOE, pero nunca por riba dos mil euros
O presidente do Goberno nega sobresoldos, afirma que lle repugnan os hábitos persoais de Ábalos e admite que era unha persoa "moi sólida politicamente"
Sánchez afirma na comisión do caso Koldo no Senado que a súa muller "non tivo nada que ver" co rescate de Air Europa
O PP reta a Sánchez a un acareo con Ábalos e Aldama no Senado
Eduardo Parra/Europa Press
O presidente do Goberno Pedro Sánchez, admite que "nalgunha ocasión" puido cobrar gastos en efectivo do PSOE na súa condición de secretario xeral, aínda que asegura que estas cantidades en ningún caso superaron os mil euros.
Así o trasladou ao comezo da súa comparecencia na comisión Koldo do Senado onde foi convocado polo Partido Popular para responder sobre as presuntas irregularidades dos exdirixentes José Luis Ábalos e Santos Cerdán e o exasesor Koldo García.
"Estou convencido de que nalgunha ocasión puiden liquidar gastos sempre con factura", sinalou Sánchez defendendo en todo momento a legalidade do proceso.
O presidente nega sobresoldos
O presidente do Goberno di descoñecer a que se referían o exasesor ministerial Koldo García e o exministro José Luis Ábalos cando falaban de "chistorras", "leitugas" e "soles" pero asegura que no PSOE non se cobran sobresodos.
"Non sei a que se refire, nós non utilizamos eses termos en clave", indicou Sánchez, despois de lembrar que outras organizacións falaban de "madalenas e biscoitos", en referencia ao "PP de Valencia".
Sánchez recalca que no PSOE "nunca existiron sobresoldos a diferenza do Partido Popular". Afirma que as súas retribucións son públicas ao contrario, apuntou, das que reciben dirixentes do PP e sostén: "Este Goberno, xunto co de Zapatero, foron os máis honestos e limpos da historia da democracia".
Sánchez admite que Ábalos tiña "unhas calidades políticas moi claras" e foi unha persoa "da súa máxima confianza"
Sánchez admite que Ábalos foi unha persoa da súa "máxima confianza", cunhas "calidades políticas que son claras", no sentido de que era unha "persoa elocuente" e que era "unha persoa sólida politicamente". Con todo, afirma, os seus "hábitos persoais" repúgnanlle.
Sostén o presidente que a saída do Executivo de Ábalos realizouse en plena desescalada da pandemia para "impulsar" o executivo".
Ante preguntas da senadora de UPN, María del Mar Caballero, sobre o presunto pago a prostitutas con diñeiro público por parte de Ábalos, Sánchez sinalou que iso o ten que dirimir a Xustiza, aínda que defendeu que o seu Goberno está "absolutamente comprometido" cos dereitos da muller e o feminismo.
Na súa comparecencia no Senado, a senadora de UPN, María del Mar Caballero, preguntoulle ao presidente pola chamada "banda do Peugeot", formada por Ábalos, Koldo, Cerdán e o propio Sánchez. Persoas que acompañaron o presidente por toda España no proceso de primarias que o acabou situando á fronte da secretaría xeral do Partido Socialista.
"A miña muller non tivo nada que ver no rescate de Air Europa"
Na comparecencia na comisión de investigación no Senado, Sánchez denunciou os ataques persoais que está sufrindo o seu círculo máis próximo, en concreto, a súa muller.
Afirma que Begoña Gómez non tivo "nada que ver no rescate de Air Europa" e comparou a actuación do seu partido coa do Partido Popular en casos que salpican familiares de dirixentes dese partido.
"Esta comisión é un circo", asegura Sánchez
A comisión estase desenvolvendo no medio dun clima de tensión con constantes interrupción e chamadas á orde por parte do presidente da mesma, o popular Eloy Suárez .
Ambos protagonizaron varias desavinzas durante o interrogatorio. O presidente do Goberno definiu este órgano como unha "comisión de difamación" e proclamou que é "un circo".
Suárez lamentou a súa actitude e pediulle "respecto" por esta institución.
A comparecencia de Sánchez, que comezou ás 09:00 da mañá, podería prolongarse ata seis horas.
O presidente acode ao Senado acompañado por tres persoas, entre elas o ministro de Presidencia e Xustiza, Félix Bolaños, como responsable no Goberno de Relacións coas Cortes.
Xunto a el están o secretario de Estado de Relacións coas Cortes Rafael Simancas e un asesor de Sánchez, o director do Departamento de Asuntos Institucionais de Presidencia do Goberno Iván García Yustos, que é quen adoita acompañar sempre a Sánchez cando acode ao Congreso ou ao Senado.
O PP reta a Sánchez a un acareo con Ábalos e Aldama no Senado
O PP retou ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, a un acareo co exministro de Transportes José Luis Ábalos e o presunto comisionista Víctor de Aldama na comisión Koldo do Senado, pero o xefe do Executivo non contestou.
Durante a súa intervención na sesión desta comisión no Senado, o senador popular Alejo Miranda, quen chocou duramente con Sánchez, expuxo a posibilidade de que o xefe do Executivo se someta a un encontro a tres xunto con Ábalos e Aldama.
Miranda preguntou ao presidente se se sometería "voluntariamente" a un acareo co exministro e o empresario, mentres que Sánchez compartiu que comprende a "frustración" e "desesperación" do PP e optou por non contestar directamente á pregunta. "Respóndese vostede mesmo na súa pregunta", resumiu Sánchez. E
Tamén houbo duros enfrontamentos a conta dos pagos en efectivo