Publicador de contidos

Publicador de contidos

A revolta do Nepal acaba con 20 anos de fráxil equilibrio no corazón do Himalaia

A revolta do Nepal acaba con 20 anos de fráxil equilibrio no corazón do Himalaia

O exército establece un estrito control militar tras unhas protestas que deixan máis de 30 mortos e que botaron abaixo o Goberno

A mocidade do país, frustrada pola falta de oportunidades e unhas altas taxas de corrupción, alzouse contra as autoridades 

O exército nepalí patrulla as rúas de Katmandú tras establecer o control do país (Reuters / Navesh Chitrakar) O exército nepalí patrulla as rúas de Katmandú tras establecer o control do país (Reuters / Navesh Chitrakar)
G24.gal 11/09/2025 10:46 Última actualización 11/09/2025 11:13

As rúas de Katmandú, a capital nepalesa, amenceron este xoves baixo un estrito control militar. O país comeza a facer contas da revolta que puxo fin a un fráxil equilibrio político instalado tras a finalización da guerra civil alá polo ano 2006.

Corenta e oito horas de ira amosaron a debilidade das institucións e forzaron a caída do Goberno; quedaron atrás máis de 30 mortos e uns 15.000 presos liberados ou fugados.

Nesta xornada, a violencia está ausente das rúas. O exército impuxo un toque de recollida. As partes enfrontadas buscan iniciar unhas conversas que permitan dar paso a un Goberno interino

O presidente, o exército e os representantes do movemento xuvenil que se alzou nas pasadas xornadas tratan de atopar nomes de consenso para elixir un novo Executivo. Porén, non será doado, entre outras cousas polas propias divisións entre as faccións da autodenominada Xeración Z (nados entre 1997 e 2012), que saíu ás rúas nos días pasados para amosar o seu descontento.

Revolta da mocidade do país

A frustración xeracional no Nepal, cun paro xuvenil superior ao 20 % e altas taxas de corrupción, derivou en protestas cando o xoves pasado o Goberno do xa exprimeiro ministro Khadga Prasad Sharma Oli ordena o bloqueo de 26 redes sociais

A medida buscaba silenciar a campaña viral coñecida como Nepo Kid, que denunciaba a corrupción da elite política e sinalaba nomeadamente os fillos do políticos, que exhiben os seus luxosos estilos de vida. A prohibición foi percibida como un acto de censura directa

Xa este luns á mañá, milleiros de mozos marchan en protesta cara ao Parlamento en Katmandú. Moitos deles visten uniforme escolar. Ás poucas horas, a tensión aumenta. Levántanse barricadas e a policía responde con canóns de auga e gases lacrimóxenos.

Xa ao mediodía, esa tensión escala e as forzas de seguridade reprimen os manifestantes. Comezan a circular en redes imaxes de mozos abatidos.

O resultado alcanza ao final do día os 19 mortos e os máis de 300 feridos. A policía segue a empregarse violentamente contra os manifestantes e o ministro do interior presenta a súa dimisión.

Non obstante, a protesta non acalma, e xa o martes a pesar do toque de recollida, a violencia recrúa. Os símbolos do Estado convértense no obxectivo dos manifestantes. O primeiro ministro Sharma Oli presenta a dimisión e é evacuado polo exército.

Son incendiados o Parlamento Federal, o complexo administrativo de Singha Durbar, a sede do Congreso Nepalí e as oficinas do principal grupo mediático do país.

(Reuters/Navesh Chitrakar) (Reuters/Navesh Chitrakar)

Ao longo do día poñen lume ás residencias privadas de Sharma Oli e do ministro de Comunicación. O exprimeiro ministro Sher Bahadur Deuba é agredido fisicamente. Morre a esposa do exprimeiro ministro Jhalanath Khanal no incendio da súa casa. A cifra de falecidos ascende nese momento polo menos a 25.

Cara ao final da xornada, o sistema penal colapsa. Manifestantes asaltan cárceres por todo o país e soltan máis de 2.000 presos. No cárcere de Nakhu é liberado o líder opositor Rabi Lamichhane.

Co Goberno civil disolto, o Nepal queda dese este mércores baixo o control de facto do exército, que se despregou oficialmente ás 22:00 horas da noite anterior. As forzas armadas anuncian a extensión nacional do toque de recollida.

O país permanece paralizado, coas fronteiras seladas e os aeroportos pechados. O xefe do Estado Maior do Exército fai un chamamento ao diálogo e sitúa os militares como os únicos árbitros no baleiro de poder actual, dando paso ás conversas iniciadas este xoves.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade