Torres: "O informe da UCO deixou as cousas absolutamente claras"
O ministro de Política Territorial insiste en que o documento da Garda Civil acredita que non cobrou comisións ilegais
O PP pide o seu cesamento e non descarta accións legais contra Ángel Víctor Torres se "mentiu" na comisión de investigación do caso Koldo no Senado
O día despois de coñecerse a investigación da UCO, o ministro de Política Territorial volveu insistir en que o documento "deixou as cousas absolutamente claras".
Ángel Víctor Torres séntese avalado e insiste en que non cobrou ningunha comisión ilegal. E niso, o suposto líder da trama, Víctor de Aldama, dálle a razón: non cobrou, di, pero só porque el se negou.
Asegura que Koldo García lle prometera ao expresidente canario 50.000 euros, de aí que se preocupase tanto polo pago das máscaras. "Parecía o empregado de Koldo", dixo nunha entrevista ofrecida tras coñecerse o informe.
O presunto comisionista insiste en que arrendou un piso para que Ángel Víctor Torres mantivese encontros sexuais:
"Sigo dicindo que estivo no piso de Atocha, pode poñerme as demandas que queira".
O que foi presidente das Canarias recibiu este mércores o apoio dos seus compañeiros de gabinete. Para Félix Bolaños, ministro de Xustiza, no informe da UCO "non hai rastro" das "cousas horribles que se dixeron do ministro Torres nos últimos meses".
Pola contra, para o PP hai indicios suficientes para cesalo. Segundo Alberto Núñez Feijóo, o ministro "forma parte dunha trama corrupta das máscaras, era o intermediario nos pagos".
Os populares revisan se Torres mentiu na comisión de investigación do Senado e non descartan emprender accións legais na súa contra.
Ángel Víctor Torres insiste en que el o que dixo foi que lle "non me constaba ningunha reunión con ese señor, pero non me ían entrampar porque puido haber algunha reunión con máis persoas e iso bastaba para dicir que eu mentira". Recorda que no informe só hai unha mensaxe que lle enviou Víctor de Aldama.