Irán: "Prenderemos lume a calquera barco que tente cruzar o estreito de Ormuz"
A Garda Revolucionaria afirmou que xa atacou un petroleiro, identificado como 'Athens Nova', "aliado dos Estados Unidos"
Pola zona pasa o 20 por cento do cru mundial
Caídas xeneralizadas nas bolsas europeas e subida do gas e o petróleo polos ataques a Irán
Buques da Armada de Irán durante unhas recentes manobras no Estreito de Ormuz (Europa Press)
O xeneral da Garda Revolucionaria iraniana, Ebrahim Yabari, advertiu de que prenderán lume a calquera barco que trate que tente cruzar o estreito de Ormuz, o estratéxico cruzamento por onde pasa o 20 por cento do cru mundial.
"Prenderemos lume a calquera barco que tente cruzar o estreito de Ormuz", asegurou o xeneral de brigada nunha entrevista na televisión estatal iraniana.
"Non permitiremos que nin unha soa pinga de petróleo salga da rexión", continuou o alto cargo do corpo militar de elite iraniana.
De feito, a Garda Revolucionaria afirmou que xa atacou un petroleiro, identificado como 'Athens Nova', "aliado dos Estados Unidos", no estreito de Ormuz, que ardeu ao ser alcanzado por dous drons.
Na duodécima onda de ataques a obxectivos estadounidenses, Irán lanzou ataques con 26 drons e 5 mísiles balísticos a Kuwait, Emiratos Árabes Unidos (EAU), Barhein e o estreito de Ormuz, segundo informou a Garda Revolucionaria na súa conta de Telegram.
Dous destes drons impactaron, segundo a Garda Revolucionaria, a este petroleiro no estreito de Ormuz, aínda que non se sabe o alcance dos danos.
Ademais, a garda revolucionaria asegura que atacou a base estadounidense Arifjan en Kuwait e a base Al Minhad, en Emiratos Árabes Unidos.
"As instalacións restantes da frota naval estadounidense en Barhein foron alcanzadas e destruídas con 6 drons", engadiu.