Publicador de contidos

Publicador de contidos

A directora do FMI di que se a guerra persiste "debemos prepararnos para tempos difíciles"

A directora do FMI di que se a guerra persiste "debemos prepararnos para tempos difíciles"

O FMI advirte que a débeda pública global podería superar o 100% do PIB en 2029

Nun dos últimos informes da entidade, fálase dun recorte nas previsións de crecemento global de polo menos dúas décimas para este ano

G24.gal 15/04/2026 17:17

No Monitor Fiscal, publicado este mércores polo FMI, indícase que a débeda pública global encamíñase a superar o 100% do PIB en 2029, un nivel non visto desde as postremeiras da II Guerra Mundial.

A directora xerente da entidade, Kristalina Georgieva, asegurou durante a terceira xornada dos encontros de primavera do FMI e o Grupo do Banco Mundial celebrados en Washington, que se a guerra en Irán continúa e a inflación segue medrando a nivel global todo o mundo debe prepararse para encarar "tempos difíciles".

"Se o conflito persiste e todos os prezos se manteñen altos durante un período prolongado, debemos prepararnos para tempos difíciles", asegurou Georgieva. 

A máxima responsable do FMI sinalou que o impacto da guerra na economía mundial "xa é considerable, mesmo aínda que o conflito resulte efémero" debido aos extensos danos sufridos polas infraestruturas produtoras de hidrocarburos en Oriente Medio e polas interrupcións nas cadeas de subministración polo peche do estreito de Ormuz.

Nese sentido, lembrou que o último informe de Perspectiva Económica Global (WEO) publicado pola entidade reflicte un recorte nas previsións de crecemento global de polo menos dúas décimas para este ano.

"Preocúpanos a ruptura física nas cadeas de subministración que xa estamos a observar, especialmente en Asia, unha rexión altamente dependente das importacións provenientes do Golfo", sinalou a economista búlgara.

"Están a producirse situacións de escaseza, non só de petróleo e gas, senón tamén de nafta ou helio, que xa están a xerar certas disrupcións. E debemos recoñecer que esta situación non se disipará da noite para a mañá, nin sequera se a guerra terminase mañá mesmo", argumentou Georgieva.

Efectos asimétricos da guerra 

A directora do FMI insistiu nos efectos asimétricos do conflito, con Oriente Medio e moitas economías emerxentes altamente dependentes das exportacións enerxéticas moito máis expostas, e subliñou á súa vez o mal momento en termos de saneamento fiscal en que estalou a guerra contra Irán, tal e como se recolle no Monitor Fiscal publicado este mércores polo FMI.

Tamén repetiu a mensaxe que xa comezou a enviar a semana pasada con insistencia aos bancos centrais, instándoos a manterse moi atentos á evolución dos prezos e a non precipitarse co endurecemento de políticas monetarias. 

Ademais Kristalina Georgieva instou a non descoidar as reformas estruturais a máis longo prazo, incluíndo as que afecten á crise demográfica e climática, ao comercio ou á intelixencia artificial, para mellorar a produtividade e blindar mellor as economías.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade