Ucraína retoma a ofensiva masiva en Rusia á espera dos emisarios de Trump
Os enviados dos EUA mantiveron un encontro con Putin este sábado e hoxe reúnense con Zelenski
Moscova e Kíiv acordaron cesar os ataques contra as respectivas capitais pola presenza dos mediadores
Os enviados de Trump no centro de Moscova este sábado. REUTERS/Ramil Sitdikov
O Exército ucraíno renovou este domingo os ataques masivos contra territorio ruso despois de que os emisarios dos EUA mantiveran a véspera negociacións no Kremlin co presidente ruso, Vladimir Putin.
Segundo o parte do Ministerio de Defensa de Moscova, as defensas antiaéreas derrubaron durante a noite 258 drons inimigos, cinco veces máis ca na xornada anterior. Foron atacadas ata catorce rexións rusas, a anexionada península de Crimea e os mares Negro e Azov.
Ademais, segundo a canle de Telegram Astra, aparellos non tripulados provocaron un incendio nunha refinería da petroleira Rosneft, unha das maiores do país, na rexión de Riazán, que se atopa a menos de 200 quilómetros de Moscova.
A planta ten unha capacidade de procesamento de case 17 millóns de toneladas anuais e produce gasolina, gas licuado e queroseno para avións, entre outras cousas.
Mentres, tres persoas morreron nas últimas 24 horas na rexión fronteiriza de Bélgorod, a máis castigada pola guerra, nos máis de cen ataques con obuses e drons por parte do exército ucraíno, segundo as autoridades.
Zelenski nunha imaxe de arquivo. Prensa presidencial de Ucraína vía REUTERS
Cesamento dos ataques nas capitais
Rusia e Ucraína acordaron o sábado cesar os ataques contra as respectivas capitais durante 72 horas, coincidindo coa presenza dos mediadores da Casa Branca, Steve Witkoff e Jared Kushner, que este domingo manterán consultas co presidente ucraíno, Volodímir Zelenski.
Segundo o Kremlin, a reunión mantida o sábado con Putin foi "oportuna" e Moscova mantén o seu compromiso cos EUA de buscar conxuntamente unha saída negociada ao actual conflito.
Ademais, confirmou, como adiantara o presidente dos EUA, Donald Trump, que os emisarios presentaron unha proposta para avanzar no arranxo pacífico, aínda que ningunha das partes chegou a desvelar os puntos principais.
Iso si, Putin asegurou aos seus interlocutores que o exército ruso logrará "os obxectivos marcados" no marco da súa campaña militar e lembroulles os "auténticos éxitos" das súas tropas na fronte.
Analistas independentes consideran que Rusia logrou acelerar a súa ofensiva no Donbás nas últimas semanas, pero descartan que poida facerse con todo ese territorio antes da chegada do cru inverno.