Publicador de contidos

Publicador de contidos

Zapatero nega que fose o facilitador do rescate de Plus Ultra: "Non, en absoluto"

Zapatero nega que fose o facilitador do rescate de Plus Ultra: "Non, en absoluto"

O expresidente asegura que nunca se reuniu co exministro Ábalos para falar deste asunto e sostén que todo o que se está contando son "enormes falsidades"

Zapatero asegura que nunca cobrou polos seus traballos a favor do "diálogo" en Venezuela

Foi citado polo PP para dar explicacións sobre o rescate financeiro público á aeroliña: "Está vostede pringado ata o pescozo; a Xustiza decidirá, eu non lle condeno", díxolle Fernández-Maíllo

O expresidente do Goberno José Luis Rodríguez Zapatero comparece ante a Comisión de Investigación sobre o caso Koldo no Senado (Eduardo Parra/Europa Press)
G24.gal 01/03/2026 20:29 Última actualización 01/03/2026 23:13

O expresidente do Goberno José Luis Rodríguez Zapatero asegurou este luns que non tivo nada que ver nin foi o facilitador do rescate da aeroliña Plus Ultra.

Foi en resposta á senadora de UPN María Caballero, no arranque da comisión de investigación do caso Koldo no Senado á que acode citado polo PP para dar explicacións sobre o rescate financeiro público á aeroliña Plus Ultra.

O expresidente contestou cun "non, en absoluto" cando lle preguntaron se foi o facilitador do rescate. Negou ter relacións co presidente da aeroliña Julio Martínez Sola, e explicou que tampouco falou do rescate co exministro de Transportes José Luis Ábalos. De feito matizou que a única vez que se reuniu con el foi con posterioridade ao citado rescate. "Ata esa sorte tiven", ironizou.

Zapatero afirma que todo o que se ten publicado implicándoo neste asunto son "enormes falsidades".

Un dos momentos máis tensos da sesión foi o tirapuxa entre o ex presidente e o representante do PP. Fernando Martínez-Maíllo. Zapatero advertiu que algunhas preguntas eran incriminatorias, sen probas e "intención de ferir", e que contrarían a doutrina do Tribunal Constitucional sobre a presunción de inocencia nas comisións de investigación parlamentarias, polo que pediu que "consten en acta", por se recorre en amparo.

Maíllo considerouno "baixo sospeita", porque como consultor faría informes "de curta e pega" cobrando case 3.000 euros por folio, o que supoñería ter unha "sociedade pantalla", instrumental, para "cobrar comisións".

"Está vostede pringado ata o pescozo; a Xustiza decidirá, eu non lle condeno", concluíu Maíllo.

Por iso, o expresidente reprochoulle que faga "calumnias" amparado na inmunidade parlamentaria, pero que é vergoñoso, lamentable e "non é tolerable", porque nin é investigado xudicialmente nin tivo ningún requirimento da Axencia Tributaria sequera.

O expresidente do Goberno explicou na súa intervención que nunca cobrou polos seus traballos de intermediación a favor do "diálogo" en Venezuela.

Especificou que nos últimos anos fixo 172 viaxes internacionais para actividades de traballo, e participou en 186 actos públicos en universidades como Yale, Harvard ou Oxford, e institucións como o Banco Mundial, sen contar os desprazamentos persoais nin os feitos para actos de partido.

Algunhas desas viaxes foron a Venezuela, onde participou "directa ou indirectamente na liberación de centenares de presos".

O expresidente recalcou que toda a súa actividade no país suramericano foi "pro bono" e que non obtivo ingresos procedentes do Goberno de Venezuela nin da empresa estatal petroleira PDVSA.

Preguntado pola senadora de Vox Paloma Gómez sobre se coñecía o motivo da chegada, o 20 de xaneiro do 2020 ao aeroporto de Baraxas da entón vicepresidenta de Venezuela, Delcy Rodríguez, o expresidente manifestou a súa imposibilidade de contestar porque non ten información respecto diso. "Estaba seguramente na miña casa vendo unha serie coa miña muller", ironizou. 

Zapatero comezou a súa intervención matizando que esta comisión debía centrarse en esixir responsabilidades políticas de Goberno e lembrou que el leva 14 anos sen exercer ningún acto público. Recalca que, polo tanto, vén a esta comisión como "cidadán".

O sumario da Plus Ultra

O PP citou a Zapatero para dar a súa versión sobre o rescate de Plus Ultra, un asunto sobre o que non está o expresidente investigado xudicialmente.

Sobre este caso existe unha instrución que leva a cabo o xulgado número 15 de Madrid, aínda que precisamente o venres pasado o seu titular decidiu inhibirse para que prosiga as investigacións a Audiencia Nacional. Nesta investigación estase a indagar sobre se parte do rescate puido ser utilizado para branquear diñeiro proveniente da corrupción venezolana.

Os investigados nesa instrución xudicial son o presidente da aeroliña, Julio Martínez Sola, e o empresario Julio Martínez Martínez, coñecido como Julito; o primeiro deles xa compareceu na comisión Koldo a semana pasada e o outro comparecerá sete días despois de Zapatero.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade