Publicador de contidos

Publicador de contidos

Pardo de Vera nega presións de Ábalos para contratar a Jéssica: "Mandar un currículo non custa nada"

Pardo de Vera nega presións de Ábalos para contratar a Jéssica: "Mandar un currículo non custa nada"

A expresidenta do Adif relatou tamén que  lle "chocaba" ver a Aldama con Ábalos no ministerio

Declarou como testemuña pero está investigada por cinco delitos na parte do caso Koldo que instrúe a Audiencia Nacional

Pardo de Vera chega ao Supremo para declarar como testemuña na sexta xornada do xuízo. Europa Press. Pardo de Vera chega ao Supremo para declarar como testemuña na sexta xornada do xuízo. Europa Press.
G24.gal 15/04/2026 16:38

A expresidenta do Adif Isabel Pardo de Vera recoñeceu que lle "chocaba" ver o comisionista Víctor de Aldama no Ministerio de Transportes que dirixía José Luis Ábalos e relatou como ás veces atopáballos reunidos xunto ao asesor Koldo García no despacho do ministro.

Era unha cousa que lle "chocaba", desde "o código ético e institucional", que ela "non vira xamais", recoñeceu Pardo de Vera, que chegou a preguntar a Ábalos quen era esa "persoa que estaba" na súa "área reservada"; el "estrañouse" e díxolle que "sería un amigo de Koldo García, a quen ela sempre identificou como "o interlocutor do ministro".

Investigada na Audiencia Nacional polos presuntos enchufes de mulleres vinculadas a Ábalos en empresas de Transportes e por supostas comisións en adxudicacións de obra pública, Pardo de Vera abriu a sexta xornada do xuízo por amaños en contratos de máscaras contra o exministro, o seu asesor Koldo García e o comisionista Víctor de Aldama no Tribunal Supremo.

A tamén exsecretaria de Estado de Transportes, acompañada do seu avogado, asegurou que nunca recibiu "ningunha instrución" para que o Adif contratase a Soluciones de Gestión para adquirir máscaras en 2020 e desvinculouse da elección desta empresa.

Sobre a contratación de Jéssica Rodríguez, exparella de Ábalos, en Ineco, pola que Pardo de Vera está investigada, a expresidenta do Adif dixo que non tiña "ningunha competencia" e que o único que fixo foi "trasladarllo" á presidencia de Ineco para sometela á súa "consideración", "sen máis importancia" e "nunca" como unha "esixencia"

A preguntas do fiscal, Pardo de Vera desmarcouse da contratación de Jéssica en Ineco sinalando que non ten competencia e que o único que fixo foi transmitir á presidenta de Ineco o currículo, a quen di: "Pásanme isto do ministro, pásanme este currículo, non se se ten encaixe, se ten perfil adecuado".

Pardo de Vera defendeu a súa actuación. "Mandar un cv non supón absolutamente nada. Eu nunca o transmitín como unha esixencia, o que fixen foi 'chegou este cv de parte do gabinete do ministro, o teu considéralo e nada máis', sen máis importancia".

Neste sentido, afirmou que "xamais" lle chamou o ministro por este asunto e respecto da mensaxe que lle enviou Koldo dicindo 'vai chamar Jose, así que tranquila' atribuíuno a "unhas expresións moi típicas de Koldo para facer valer a súa potestade de transmitir a través do ministro".

É máis, asegurou que cando estaba a piques de vencer o seu contrato en Ineco, decatouse de quen era Jéssica e "de que esa persoa tivera unha relación" con Ábalos, por tanto "iso xa é un conflito de interese claro", de xeito que mandou unha mensaxe a Koldo para advertirlle de que "tiña difícil encaixe".

"Chameille e díxenlle: 'ministro, non é posible continuar a relación contractual desta persoa, entenderalo, nin ampliación, nin novo contrato nin nada'".

E o ministro, segundo ela, respondeulle: "o que o teu fagas, faltaría máis, ben feito está. Nunca máis souben desta señora".

O seu relato choca coa versión de Ignacio Zaldívar, ex alto cargo de Adif que dixo que Pardo de Vera chamoulle dúas veces porque o exministro José Luis Ábalos queixárase do trato que estaban a dar as empresas públicas Ineco e Tragsatec á súa exparella.

"Sei o que declarou Zaldívar, rotundamente o ministro a min non me chamou por esta señora, é imposible que o ministro me chamase, se alguén puido chamar sería Koldo, o ministro non", engadiu a testemuña.

De feito, Pardo de Vera subliñou que non sabía que a exparella do exministro fora contratada en Tragsatec e dixo que cre que Zaldívar "por un automatismo" podía mencionar o seu nome cando Virginia Barbancho, a encargada de supervisar o traballo de Jéssica, trasladoulle unha queixa porque ela non fichaba.

Barbancho explicou no xuízo que, como responsable do control do traballo da exparella do exministro, informou deste problema á súa xefa, ao seu xerente e a Zaldívar pero "ningún fai nada", ata que uns días despois este último chamoulle para dicirlle que desde a presidencia do Adif piden que "deixe de molestar a Jéssica, esquécete dela".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade