Pontevedra non subirá en 2026 ningunha taxa, nin a do lixo
Lores sostivo que o de Pontevedra é un Goberno "serio" que comparte a filosofía da nova lei de residuos, pero entende que "non se poden facer" subidas lineais a todos os cidadáns, como fixeron outros concellos
Para o alcalde, os custos do servizo hai que aplicalos "en base á produción", é dicir, que pague máis quen máis residuos xera
O Concello de Pontevedra non subirá ningunha das taxas e impostos municipais en 2026, tampouco a do lixo, un servizo cuxo custo, coa entrada en vigor da nova lei de residuos, deben cubrir os cidadáns cos seus recibos.
"Neste momento non temos información suficiente para aplicar esa taxa con coherencia", sinalou o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores.
Sostivo que o de Pontevedra é un Goberno "serio" que comparte a filosofía da nova lei de residuos, pero entende que para iso "non se poden facer" subidas lineais a todos os cidadáns, como fixeron outros concellos.
Os custos do servizo hai que aplicalos, asegurou Fernández Lores, "en base á produción", é dicir, que pague máis quen máis residuos xera. Cando o Concello teña esa información, que se solicitará no marco do novo contrato municipal para a xestión dos residuos, aplicarán esa lei, subindo ou baixando o recibo en función do comportamento dos usuarios.
A decisión de manter conxeladas todas as súas taxas e impostos, algo que o goberno municipal de Pontevedra fará por duodécimo ano consecutivo, é posible segundo o alcalde pola "excelente" xestión económica do seu goberno. O rexedor pontevedrés quixo ademais poñer de manifesto o impacto que a conxelación da presión fiscal no municipio desde 2015 tivo sobre o peto dos cidadáns.
A decisión de non actualizar as taxas "nin sequera co IPC", sostivo Lores, permitirá que cada pontevedrés vaia aforrar en 2026 uns 176,22 euros, que terían que pagar se esta fiscalidade se incrementara co IPC destes doce anos, cifrada nun 28,58 %. Cada familia, calculando co índice de 2,09 membros por cada fogar que marca o Instituto Nacional de Estatística, tería que pagar o próximo ano uns 368,30 euros se o Concello decidise cada ano desde entón subir as taxas e impostos.
Isto ten tamén un impacto sobre os ingresos regulares xa que, segundo o alcalde, as arcas municipais deixarán de recadar, en función eses mesmos cálculos, case 15 millóns de euros -14.640.023 euros-, que ingresarían co IPC actualizado.
"O que pretendemos é que paguen todos os que teñan que pagar e non facer unha subida xeral de taxas e impostos", reiterou Miguel Anxo Fernández Lores, que explicou que o executivo municipal opta por avanzar cara a unha maior "equidade fiscal".
Así, en 2026 continuará o traballo de actualizar os padróns fiscais ou detectar posibles fraudes, o que sumado ao dinamismo económico "como consecuencia do noso modelo urbano" e ao crecemento vexetativo da cidade permitirán aumentar os ingresos.