O tren de borrascas deixa ao descuberto o problema dos refugallos nas praias
Varios colectivos organizaron accións de limpeza para recoller residuos nos areais
Insisten na importancia de reducir o lixo e cambiar o plástico por outros materiais
Restos de aparellos, envases de plástico e outros residuos domésticos cobren os areais tras o tren de borrascas que chegan sen tregua a Galicia dende principios de ano.
Pasa todos os anos pero desta volta, coa cadea de temporais, o problema faise máis visible. O colectivo Limpiarousa leva dous anos recollendo refugallos nas praias.
"Hai o de sempre, pero moitísimo máis volume (...) A diferenza é que, cando veñen temporais máis fortes, aflora o que está máis no fondo", contan dende a organización posta en marcha por un grupo de mulleres.
O que máis atopan son residuos da pesca e da acuicultura, como tarugos, cordas de batea, cabos, cestas de ostras ou nasas.
Pero tamén apañan obxectos que a xente tira ao váter, sobre todo bastonciños para limpar os oídos, toalliñas ou tampóns; residuos sanitarios e biosoportes de depuradoras; escumas sintéticas e restos pirotécnicos, globos ou vasos de festivais.
Restos na praia Area de Bon (Bueu). EFE/Salvador Sas
Accións para limpar as praias
Limpiarousa organizou este sábado unha acción de limpeza no areal de Compostela, en Vilagarcía, e a asociación Mar de Fábula fixo o propio na praia do Lago, en Caramiñas.
Arena Limpia tamén ten previstas xornadas de recollida o sábado 21 de febreiro en Bueu e o 28 en Gandarío (Bergondo), esta última como parte do Tarugotón para recoller restos de paus das bateas, na que tamén participa Limpiarousa.
Voluntariado na praia do Lago (Camariñas). EFE/Lavandeira jr.
Más concienciación e atacar a orixe
En Arena Limpia lamentan que moitos concellos só se preocupen de arrombar as praias de cara á Semana Santa e o verán e non dispoñan dun plan para facelo no inverno.
Pola súa banda, Limpiarousa alerta dos prexuízos de facer a limpeza con maquinaria, unha práctica máis agresiva porque destrúe o medio natural, enterra parte dos residuos e outros tritúraos, converténdoos en microplásticos.
"Na época entre os temporais e a Semana Santa procuramos ir sempre que podemos, porque a limpeza manual é moito máis efectiva", aseguran.
Malia organizar estas accións de limpeza, o importante, insisten, é poñer o foco na orixe dos residuos: reducir os refugallos, mellorar os procesos para evitar a contaminación e cambiar os plásticos por outros materiais.