Razo recupera o seu símbolo: a píllara convertida en escultura
Cando se instalou en 2019 a primeira das esculturas buscábase concienciar e protexer este espazo natural e esta especie en perigo de extinción
A píllara volve darlles a benvida a veciños e visitantes de Razo cun aspecto renovado. A súa historia comezara en 2019 co programa ambiental Eu quero Razo, que busca concienciar e protexer este espazo natural e con el esta especie en perigo de extinción.
Daquela o artista Fabián Lage fixera unha estrutura de ferro, concibida inicialmente como colector do lixo da praia. Pero o vento, o salitre e a humidade deteriorárona e decidiron sometela a unha profunda renovación, á que dedicou incontables horas.
O resultado non lles pasa desapercibido a veciños e visitantes que botaron en falta neste tempo o que xa consideran un símbolo de Razo.
A escultura da píllara, máis alá de ser un elemento decorativo, representa o compromiso e a chamada a respectar este espazo natural de Razo-Baldaio, un dos lugares onde aniña esta especie protexida, como explica a Investigadora do Departamento de Zooloxía, Xenética e Antropoloxía Física da USC, María Vidal, que destaca o traballo tanto a Xunta como do concello de Carballo na sua preservación.
Esta fin de semana Fabián Lage, o creador da píllara, impartirá un obradoiro en que os participantes poderán elaborar unha réplica en miniatura da escultura.