Publicador de contidos

Publicador de contidos

"Na gloria": Ourense celebra a baixada das temperaturas

"Na gloria": Ourense celebra a baixada das temperaturas

A cidade pasa dos máis de 40 graos dos últimos días a unha madrugada con 14

Construción, repartimento e hostalaría agradecen poder recuperar o ritmo habitual co descenso das temperaturas

G24.gal 21/08/2026 14:07

En Ourense hoxe hai quen volveu sacar a chaqueta do armario. E hai quen, directamente, non contaba con pasar frío.

"Eu agora estou xeado", recoñece un turista.

Un contraste sorprendente despois de días con máis de corenta graos.

Unha veciña venezolana conta: "O outro día ía moitísima calor, non se aguantaba, e mira agora, con chaqueta".

Un mozo celebra: "Eu levanteime con fresco, estaba vivindo a vida".

E non é para menos. Ás cinco da mañá os termómetros baixaron ata os 14 graos. Ás once, xa rozaban os vinte.

"Na gloria, na gloria, que estes días foi horroroso", di outra veciña encantada.

Unha moza explica que durme moito mellor e que non tivo que poñer o ventilador nin o aire acondicionado. Unha baixada que permite recuperar rutinas que a calor dos últimos días facía difíciles.

"A temperatura é boísima hoxe", resume un home, e lembra o vivido nos últimos días: "Estivemos a 40 e algo e dicías: Pero se non me doe nada, por que non estou a gusto? E era pola temperatura".

Un grupo de mozos coincide: "A gusto, é marabilloso. Agradécese que refresque e baixen as temperaturas".

Tamén se agradece poder saír á rúa sen buscar constantemente unha sombra. E para quen está de visita, a experiencia é ben diferente da que esperaba.

Un peregrino está encantado: "Isto é unha marabilla. O pouco que estou vendo. Estou por quedar aquí".

Unha muller considera que a temperatura é perfecta: "Estase xenial, eu penso que é a temperatura ideal, nin frío nin calor. Xa se sente a primavera e o outono".

Aínda que non todo o mundo está tan encantado co fresco.

"Un café e unha chaqueta agora; dentro dunha hora, igual unha cervexa, pero agora si", reclaman os que sentiron o frío da mañá.

Para os que traballan na rúa, en cambio, a tregua é máis que benvida.

Un repartidor asegura que tamén cambia o ambiente: "Coa calor é máis estresante, os clientes máis estresantes. Pero agora a xente está feliz. Camiña máis amodo. Excelente".

E tamén o agradecen os que pasan boa parte da xornada detrás dunha terraza.

"Hai tres ou catro días era horrible aquí, porque con 42 graos a xente marcha. Pero hoxe ben, lévase moito mellor, hai traballo, así que non me queixo", di unha camareira lembrando os peores días,

Outra camareira confirma o cambio: "Hai moito máis movemento, sobre todo polas mañás".

Despois de xornadas de calor extrema, hoxe Ourense recupera, polo menos durante unhas horas, unhas temperaturas moito máis levadías.

Unha señora agradece poder volver poñela: "Agradécese por a chaquetiña encima", e explica: "Non hai que poñer ventiladores nin aire nin nada, e pódese facer algo".

A súa conclusión resume o alivio de moitos: "Era insoportable, menos mal que cambiou isto un pouquiño".

E os termómetros seguirán subindo ao longo do día. Pero, despois de chegar aos 42 graos, os 28 que se agardan para hoxe recíbense con gloria.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade