Publicador de contidos

Publicador de contidos

A calor sae cara: o uso do aire acondicionado sobe as facturas entre 25 e 40 euros

A calor sae cara: o uso do aire acondicionado sobe as facturas entre 25 e 40 euros

A demanda de aparellos de refrixeración medra ano a ano

No verán consómese máis electricidade e en horas máis caras

G24.gal 18/08/2026 14:50

A calor sae cara. O verán leva anos sendo un dos momentos de máis consumo eléctrico de cada curso. A razón son os milleiros de aparellos de aire acondicionado que poboan fachadas, paredes e patios. Como os termómetros, a demanda de sistemas de refrixeración está subindo, aínda que non todos os fogares, por suposto, poidan pagalo. As estatísticas din que aumenta, sobre todo, entre as rendas máis altas.

"A verdade é que é unha tolemia porque ultimamente estamos desbordados coas demandas de aire acondicionado. Agora temos dous equipos  completos instalando todos os días practicamente aire acondicionado e estamos buscando outro equipo máis", asegura Pablo Vázquez, xefe de obra de Insogal, unha empresa de Vigo especializada en calefacción e climatización.

As eléctricas calculan que o aire acondicionado supón entre vinte e cinco e corenta euros máis na factura mensual dun fogar medio. En días coma estes consómese máis enerxía, ata o dobre da media, pero ademais en horas máis caras. Porque cando marcha o sol, baixa a produción fotovoltaica, normalmente máis barata, pero millóns de fogares e negocios seguen acalorados e tiran do aire acondicionado e de fontes máis caras, como os ciclos combinados.

"No verán, dende que abro a porta, ás nove da mañá, teño que poñer o aire acondicionado. Logo en inverno, para nada", explica Luis Míguez, a directora do salón Jorge Rubín da Gran Vía de Vigo.

Para non gastar demasiado hai que ter calma co botón. Baixar dous ou tres graos a temperatura pode ser suficiente.

"Se no exterior hai 30 graos e ti pos o aire acondicionado a 27 ou a 28, xa vas notar a diferenza. Ti dis: 28 é unha loucura, pero se o pos a 21 vai estar traballando a tope e vaiche consumir máis", aconsella Pablo Vázquez, de Insogal.

O bo de tanto sol é que trae enerxía limpa e barata. Segundo Red Eléctrica, este martes o cincuenta e cinco por cento da produción eléctrica en España vai proceder da fotovoltaica.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade