Publicador de contidos

Publicador de contidos

Lula e Flávio Bolsonaro disputarán a presidencia do Brasil en segunda volta

Lula e Flávio Bolsonaro disputarán a presidencia do Brasil en segunda volta

O senador ultradereitista Flávio Bolsonaro venceu en primeira volta ao conseguir o 47,03 % dos votos, mentres que o actual mandatario acadou o 45,16 %

Ambos candidatos mediranse en segunda volta o 25 de outubro

A abstención alcanzou o 21 % do electorado nun país onde o voto é obrigatorio

REUTERS/Adriano Machado e Brian Snyder REUTERS/Adriano Machado e Brian Snyder
G24.gal 05/10/2026 02:27 Última actualización 05/10/2026 05:28

O mandatario brasileiro Luiz Inácio Lula da Silva e o senador Flávio Bolsonaro disputarán a Presidencia nunha segunda volta electoral o próximo 25 de outubro, segundo os resultados oficiais dos comicios celebrados este domingo, co 99,99 % do censo escrutado.

O primoxénito do exmandatario ultradereitista Jair Bolsonaro, co 47,03 % dos votos, e o dirixente progresista, co 45,16 %, foron os dous máis votados nunha primeira volta sen opcións polos outros dez aspirantes á Xefatura do Estado, de acordo cos datos do Tribunal Superior Electoral (TSE).

Flávio Bolsonaro, de 45 anos, estivo desde o inicio do reconto por diante de Lula, que empeora os seus resultados con respecto á primeira volta de 2022, cando alcanzou o 48,4 % e 57,2 millóns de votos.

O fillo maior de Jair Bolsonaro sumou este domingo máis de 56 millóns de papeletas co seu nome, uns 2,3 millóns máis que Lula este domingo e ao redor de cinco millóns máis que o seu pai na primeira volta de 2022.

Rozou mesmo a vitoria na primeira volta, pero perdeu fol a medida que entraron os votos da rexión nordés do país, bastión político da esquerda brasileira.

A abstención alcanzou o 21 % do electorado nun país onde o voto é obrigatorio.

As enquisas xa mostraran nas últimas semanas unha tendencia á alza de Flávio, abandeirado do Partido Liberal (PL) por designación do seu pai, quen se atopa en prisión domiciliaria despois de ser condenado por golpismo.

Con todo, nin Quaest, nin Datafolha, as dúas empresas desmoscópicas máis relevantes do país, proxectaron unha vitoria clara do senador.

Para a segunda volta, as sondaxes publicadas antes deste domingo proxectaban un preito moi pelexado, con Lula e Flávio en empate técnico.

Lula busca un cuarto mandato non consecutivo aos seus 80 anos

O histórico dirixente do Partido dos Traballadores (PT) baseou a súa campaña no legado da súa actual xestión, cun crecemento económico de máis do 2 %, o desemprego en mínimos e un aumento importante da masa salarial.

Nos últimos días de campaña anunciou medidas de calado, como un aumento do 15 % do valor do principal programa de axuda social do Goberno e a prohibición das apostas deportivas e os casinos en liña.

Con todo, aínda impera o sentimento de que o custo de vida continúa alto, no medio duns índices de endebedamento récord das familias.

Flávio foi elixido candidato a dedo polo seu pai, quen se atopa en prisión domiciliaria despois de ser condenado a 27 anos de cárcere por liderar unha trama golpista tras perder as eleccións de 2022 fronte a Lula, segundo ditou a Corte Suprema.

O aspirante do PL prometeu man dura contra o crime organizado e unha “tesoirada” no gasto público e os impostos.

A campaña brasileira desenvolveuse entre escándalos de corrupción que salpicaron varios xuíces do Supremo, tamén ao propio Flávio Bolsonaro e á contorna próxima de Lula, e intentos de inxerencia por parte dos Estados Unidos, segundo denunciou o PT. 

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade