Rueda reivindica no Brasil o labor das entidades que atenden as necesidades dos galegos no exterior
A reforma da lei de galeguidade e o apoio á promoción da lingua son algúns dos retos dos centros da diáspora reunidos no Río de Xaneiro para definir futuras liñas de traballo na emigración
Rueda anima os brasileiros a vivir a experiencia do Camiño de Santiago no Xacobeo 27
A reforma da lei de galeguidade e o apoio á promoción da lingua son algúns dos retos dos centros da diáspora reunidos no Río de Xaneiro para definir futuras liñas de traballo na emigración.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, presidiu este mércores o XIV pleno do Consello de Comunidades Galegas, que se clausurará este xoves e do que sairá elixida a súa nova Comisión Delegada.
Alí, agradeceu o labor das entidades que a conforman á hora de recoller e atender as necesidades da comunidade galega no exterior así como difundir a cultura e lingua propias.
Deste plenario sairá unha nova Comisión Delegada, composta por 13 entidades de España, Europa e América, coa misión de traballar polos intereses dos galegos na diáspora durante os próximos tres anos.
Ademais, no acto foron homenaxeados catro galegos pola súa contribución para estreitar lazos entre Galicia e O Brasil.
Os recoñecidos son a presidenta da Sociedade Hispano Brasileira de Socorros Mútuos e Instruçao, María Dolores Daparte; o presidente da Sociedade de Socorros Mutuos e Beneficiente Rosalía de Castro, Casto Vieites; a expresidenta da asociación Recreio dos Anciãos da Velhice Desamparada, Regina Jallas, e a voluntaria e colaboradora da Asociación Cultural Hispano-galega Cabaleiros de Santiago, de Salvador de Baía, Lourdes Valencia.
Coa asistencia a este pleno, Rueda finaliza a súa viaxe ao Brasil, onde residen máis de 53.000 galegos, o que sitúa a este país como o segundo coa maior comunidade galega no exterior, só por baixo da Arxentina.
A mostra do protagonismo que terá o noso idioma é que neste encontro participan o secretario xeral da Lingua e representantes do Consello da Cultura Galega e da Real Academia Galega.
Alfonso Rueda defendeu que ademais o seu Goberno seguirá reforzando a estratexia en marcha para facilitar a volta a Galicia dos galegos da diáspora e apoiando os galegos do exterior que máis o necesitan.