Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Audiencia Nacional prorroga a investigación a Zapatero e non descarta novas imputacións

A Audiencia Nacional prorroga a investigación a Zapatero e non descarta novas imputacións

A ampliación do prazo de instrución é de seis meses

O expresidente do Goberno está investigado por tráfico de influencias en favor da aeroliña Plus ultra para recibir un prestámo público de 53 millóns 

G24.gal 11/11/2026 17:54 Última actualización 11/11/2026 18:22

O xuíz da Audiencia Nacional José Luis Calama prorrogou polo menos seis meses máis a investigación ao expresidente do Goberno José Luis Rodríguez Zapatero por presunto tráfico de influencias no caso Plus ultra, ao quedar dilixencias por practicar que "puidesen xerar a imputación de novas persoas".

Nun auto ditado este mércores, o maxistrado segue o criterio da Fiscalía Anticorrupción e da acusación popular que dirixe o PP e prorrogou seis meses, ata o 28 de maio de 2027, o prazo de instrución, sen prexuízo de que volva adoptar futuras prórrogas.

Argumenta o maxistrado que están pendentes "dilixencias esenciais" xa sinaladas, como declaracións de testemuñas e investigados, así como a entrega de informes policiais sobre documentación requirida, entre outros, a diversos organismos públicos e entidades bancarias que poderían derivar en novas imputacións ou máis dilixencias.

Tamén debe incorporarse aínda ao procedemento a análise da documentación achegada por algunhas das partes e, no seu caso, análises de documentación requirida a algunha das partes polo xuíz, como lembraba no seu informe a fiscal Elena Lorente.

O prazo de doce meses de investigación (suxeito a sucesivas prorrogas) que fixa a lei vencía nuns días, o 28 de novembro, de xeito que tanto a fiscal como as acusacións populares solicitaron ao xuíz estendelo polo menos seis meses máis para seguir investigando.

Entre as declaracións pendentes, como lembraba a acusación que coordina o PP, figura a das fillas do expresidente do Goberno, tamén imputadas na causa ante os indicios relativos ao papel, presuntamente "instrumental", que xogaría a súa empresa, What the Fav, na presunta trama. Están citadas o 30 de novembro.

Tamén lembraba esta acusación que o xuíz acaba de pedir á Policía que averigue o fabricante das xoias incautadas a Zapatero, seguindo o rastro dunha marca que figura nalgunhas pezas, nos lotes de maior valor, o gravado dunha letra T.

O tamén exsecretario xeral do PSOE está investigado por presunto tráfico de influencias en favor da aeroliña Plus Ultra no marco do préstamo público de 53 millóns de euros que conseguiu en 2021, así como de delito fiscal e suposto contrabando en relación ás xoias que achou a Policía no rexistro á súa oficina. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade