Galicia sae á rúa para defender o dereito a unha vivenda digna
Os manifestantes esixiron solucións inmediatas e permanentes fronte ao descontrol dos alugueiros
Nas principais cidades de España repetíronse as protestas para reclamar solucións á crise da vivenda e coa mirada posta nunha folga xeral
Galicia saíu á rúa pola vivenda, con protestas en Santiago, Vigo, Lugo e A Coruña. As mobilizacións foron convocadas polo Sindicato de Inquilinas e apoiadas por diversos colectivos e plataformas que reclaman medidas permanentes ante a crise habitacional.
A marcha da Coruña polo dereito a unha vivenda digna saíu da Agra do Orzán e percorreu as rúas da cidade para rematar cunha concentración diante da Subdelegación do Goberno.
A manifestación convocouna o Sindicato de Vivenda da Coruña, que esixe un control real dos prezos dos alugueiros e contratos que aseguren a estabilidade. Tamén reclama o fin dos desafiuzamentos sen alternativa ocupacional.
"Este é o momento de unficar loitas para conseguir que o modelo cambie. Hai que mirar pola xente, por unha sociedade de benestar real e pola xustiza social".
"Isto ten cambiar. A mocidade non pode independizarse nin pode virir, porque así non se pode vivir".
"Estamos coa xente nova e coa experiencia do vellos. Hai que darlle a volta a isto. No mundo cabemos todos e hai que facer un mundo fermoso e habitable", dicían algunha das participantes na marcha coruñesa.
En Vigo, os manifestantes saíron á rúa contra o abuso inmobiliario e a especulación. Convocada pola Alianza pola Vivenda, a manifestación transcorreu baixo o lema "Solucións permanentes xa".
En Santiago, na prazo do Obradoiro, os participantes reclamaron medidas que permitan acceder a unha vivenda digna e pediron unha folga xeral, xunto á acampada instalada desde o xoves que, polo menos de momento, vai continuar.
Entre os asistentes á concentración estaba o BNG e a súa voceira nacional, Ana Pontón, que sinalou que a situación é "insostible" e que non se chegou a ela por casualidade.
Tamén participou o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, quen asegurou que coa votación do venres no Congreso "caeron as caretas dos que defendían o rescate á banca e miran para outro lado cando hai que rescatar persoas".
Manifestación en Madrid
Pola súa banda, unhas 70.000 persoas, segundo a Delegación do Goberno, participaron en catro manifestacións desde diferentes puntos da capital que confluíron en Cibeles. O Sindicato de Inquilinas, que é quen organizou as protestas, elevou a cifra ata os 500.000 manifestantes.
Esta marcha foi unha das máis de 50 manifestacións que se celebraron ao longo deste sábado en distintas cidades de España para reclamar unha rebaixa do 50% nos alugueiros, a esixencia de contratos indefinidos e a expropiación das vivendas aos fondos voitres.
Incidentes na protesta de Valencia
Cinco persoas foron detidas polos altercados que se produciron este sábado en Valencia ao finalizar a manifestación polo dereito á vivenda. Nove policías resultaron feridos.
Os incidentes ocorreron cando a manifestación chegou ao final do percorrido, fronte ao Palau de Lles Arts, en cuxo interior se celebra un congreso de investimento inmobiliario, e un grupo de persoas rompeu o cordón policial que custodiaba o acceso tras derrubar os valos e lanzalos, xunto a outros obxectos, contra os axentes.
A Policía Antidisturbios respondeu co lanzamento de pelotas de goma e de botes de fume, e cargou contra algúns manifestantes
Incidentes entre manifestantes e policía na protesta de Valencia. (EFE/ Kai Forsterling)