Galicia pecha a maior vendima da súa historia: 78,5 millóns de quilos de uvas
Este incremento prodúcese a pesar de que a maior denominación de orixe galega, Rías Baixas, con 46,85 millóns de quilos provisionais, anota un lixeiro recorte respecto aos 47,5 millóns de quilos de 2025
Elena Fernández / Europa Press
Galicia pechou a maior vendima da súa historia, na que se recolleron 78,5 millóns de quilos de uvas, a cantidade máis elevada desde que hai rexistros.
Estes 78,5 millóns de quilos superan os 77,8 millóns de quilos de uvas de 2011, ata a data a maior cifra computada na comunidade.
E este incremento prodúcese a pesar de que a maior denominación de orixe (D. O.) galega, Rías Baixas, con 46,85 millóns de quilos provisionais, ano.ta un lixeiro recorte respecto aos 47,5 millóns de quilos de 2025.
En cambio, as outras catro denominacións viven unha expansión en 2026. Ribeiro crece un 15% en comparanza con 2025, ata os 9.330.000 quilos; Monterrei consegue a maior colleita da súa historia, con 8.768.000; Valdeorras elévase un 8%, con 8.100.000; e Ribeira Sacra sobe un 18%, cun total de 5.446.859.
Rías Baixas
A denominación de orixe Rías Baixas, a de maior produción de Galicia, colleita un lixeiro descenso nesta campaña, foi a máis madrugadora da súa historia ao empezar cos traballos o 13 de agosto.
Finalmente, non se puideron conseguir os 49,9 millóns de quilos que a comezos de agosto marcaba como obxectivo o Consello Regulador.
Monterrei
Pola súa banda, o director técnico da D. O. Monterrei, Miguel López, explica que esta colleita é a "maior na historia" da denominación cun 80% de branco e un 20% de tinto.
Ribeiro
O xerente-secretario do Consello Regulador de Ribeiro, Luis Vázquez, móstrase "moi satisfeito" pola calidade e cantidade, cun crecemento do 15% porque estaban "moi preocupados" coa cifras do ano pasado, de "as peores da historia" ao quedarse en só 8,1 millóns en 2025.
A pesar de que "as vendas acompañan" o Ribeiro por crecer en comparación con outros anos, nun descenso xeneralizado de consumo de viño tinto na actualidade, o xerente-secretario do Consello Regulador observa un futuro "preocupante".
Ribeira Sacra e Valdeorras
Igualmente á alza vai Valdeorras, con 8,1 millóns de quilos, e supera previsións iniciais, o que contrasta coa baixada a 7,5 millóns de quilos que sufriu en 2025. A campaña comezou o 13 de agostou e pechouse o 28 de setembro.
En Ribeira Sacra, a vendima tamén estivo marcada por un inicio temperán , o 12 de agosto, e rexistra unha suba tanto en comparanza con 2025 (+17,9%) coma con 2024 (+11,2%).