Investigan o uso do biocarbón para mellorar a saúde dos solos dos viñedos
O biocarbón é un material poroso e rico que axuda a reter auga e nutrientes
Galicia participa no proxecto de investigación Viti-Valmo, xunto con Portugal e Francia
Facer viñedos máis sostibles. Ese é o obxectivo dun proxecto europeo, Viti-Valmo, en que participa Galicia coa Universidade de Vigo e Deputación de Ourense. Estudan o potencial do carbón vexetal para mellorar a saúde dos solos.
"Vai facer coma unha esponxa que vai axudar a reter a auga máis os nutrientes que temos na contorna, e vai ser como unha casiña onde os microorganismos que van facer que estes nutrientes que están máis dispoñibles á planta se vaian desenvolver", explica Joaquín Martínez, técnico de viticultura de Martín Códax.
Nun escenario de cambio climático reter auga e nutrientes é un desafío para os viticultores. O traballo de campo realízase nunha parcela experimental da adega Martín Códax. A achega de carbón no substrato é visible nas follas que amosan máis vigor. Con todo estanse medindo moitos outros parámetros. O carbón vexetal obtense a partir de cepas arrincadas e faise a través dun proceso de pirólise.
"Pasamos de leña e facemos unha combustión con pouquiño osíxeno para que non arda de todo esa leña e que quede carbón", continúa o técnico.
Este proceso non é novo, é botar un ollo ao pasado e a outros lugares do planeta onde levan usando esta técnica dende hai máis de dous séculos. Agora queren probar nos solos de aquí que son máis areosos. A idea é que se usen fornos móbiles.
"Sería o máis sinxelo. Facer o carbón na propia parcela e despois é máis fácil de transportalo para levalo a outros viñedos", conclúe.