Publicador de contidos

Publicador de contidos

O viño da casa, unha tradición que aínda se conserva en aldeas de Ourense

O viño da casa, unha tradición que aínda se conserva en aldeas de Ourense

En Arnuíde, no concello de Vilar de Barrio, varias familias seguen facendo o seu propio viño ao seu gusto

A veciñanza merca as uvas en empresas da zona para elaborar pequenas producións para o autoconsumo, compárteno coa familia e as amizades

O mercado da venda da uva mantense grazas á xente maior, pero tamén vai esmorecendo

 

Pepe saca unha cunca do último viño que elaborou o ano pasado.
G24.gal 20/09/2026 09:54

A tradición de facer o viño na casa aínda resiste en moitas aldeas, algunhas mesmo son zonas onde non hai vides. E aínda así a veciñanza segue mercando as uvas para elaborar viños brancos e tintos ao seu xeito. Un exemplo é a aldea de Arnuide. 
Alí Pepe leva máis de 25 anos facendo o seu propio viño na súa casa. Pero nesta aldea do concello ourensán de Vilar de Barrio non hai vides e merca as uvas na empresa que ten un veciño en Ourense

“Gústame que sexa un viño normal, con poucos graos. Gústanos facelo ao noso gusto e, por sorte, sempre me saíu ben. Nunca tirei viño. Sempre me saíu perfecto", di José Nieto Bouzo, quen fai o seu viño para o autoconsumo. 

Así o viño está ao seu gusto, clarete e suave. Unha tradición que se conserva nesta aldea desde hai medio século

"Meu avó empezou, creo que hai 50 anos, con isto de traer uva. Os veciños probaban o viño que facía el, gustáballes e íanse animando. Aínda continúan igual, 14, 15, 16 veciños facendo o viño nesta aldea", engade Juan fernández, xerente de Uvas Mafesa Arnuíde. 

Pero o mercado vai esmorecendo. 

"É un mercado que a verdade vai un pouco a menos, xente maior. E son compras moi pequeniñas para facer pequenas producións"., asegura Juan Fernández.

E estes viños da casa son para o autoconsumo, para beber coa familia ou amizades e que teñen o seu sabor especial. 

"Xa o facían os meus pais, o meu marido tamén o facía, e os meus fillos queren seguir coa tradición" e por iso Josefa é a que agora fai o viño. 

Unha tradición que se mantén como un traballo colaborativo entre a veciñanza. E agora é un día de festa. 

"Son momentos en que se xunta a familia, en que nos xuntamos os veciños que nos axudamos, e agora tomaremos un viño, picaremos un chourizo e estaremos todos xuntos", afirma Juan Fernández.

Unha xuntanza en que proban as súas elaboración vinícolas, os chourizos ou o salchichón, todo feito na casa.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade