A seca e a calor adiantan o ensilado do millo para que non seque máis
A previsión é dunha colleita menor en cantidade e calidade, agás na Mariña de Lugo
Este millo de cedo foi sementado no mes de abril e a idea era collelo a principios de setembro, pero este martes xa o comezaron a ensilar antes de que seque máis.
"Tivemos que adiantar a colleita porque se está secando practicamente de todo a planta e despois o millo xa non ensila, moita fibra e non ensila".
"Chegar a ensilar co millo totalmente seco a data 18 de agosto como estamos hoxe, eu desde logo xa teño uns anos e non o recordo na vida", comenta Román Santalla, copropietario da gandería Agrasilva en Lalín.
Non son os únicos. En Chantada e Taboada a cooperativa Aira xa comezou a ensilar o pasado 10 de agosto e na cooperativa O Rodo de Rodeiro van comezar mañá. Estas comarcas do interior son as máis afectadas, pero a seca estáse a notar en prácticamente toda Galicia, e a previsión é que a coleita se adiante case un mes e sexa menor tanto en calidade como en calidade. A única excepción é A Mariña luguesa, onde agardan unha colleita similar á do ano anterior.
"Choveu moito no inverno pero despois parou de chover e non volveu chover máis. Entonces o problema é que xa a última herba foi mal, e o millo que se botou un pouco tarde está pero francamente mal", di Román Santalla, copropietario da gandería Agrasilva.
Canta menos produción propia máis forraxes hai que comprar de fora. Os gandeiros temen un encarecemento dos prezos, xa que esta seca está a afectar a toda Europa, ao tempo que os prezos que cobran polo leite ou a carne están a baixar.
"Que para os contratos que rematan agora en setembro ou outubro os prezos teñen que volver a subir porque os costes de produción aumentaron ao haber moita menos forraxe hai que botar man de botar máis pienso ou outro tipo de forraxes e a seca vai facer que os costes aumenten de forma moi importante na produción do leite. E da carne tamén", explica Santalla.
Moitos gandeiros miran agora ao ceo agardando por unha chuvia que axude a recuperar, aínda que sexa un pouco, as forraxes que quedan.