A alerta vermella por calor mantense na montaña de Ourense e no interior de Pontevedra
A Secretaría Xeral para o Deporte recomenda non practicar deporte federado entre as 13.00 e 17.00 horas
Está previsto que as temperaturas sigan sendo elevadas ata o martes
A alerta vermella por episodio de calor declarada pola Consellería de Sanidade seguirá activa o luns nos 35 municipios integrados nas zonas isoclimáticas da montaña de Ourense e o interior de Pontevedra, que xa se atopaban neste nivel de aviso durante o domingo.
Deste xeito, as localidades das Rías Baixas baixarán o luns a nivel laranxa, onde se manteñen Valdeorras e o Miño de Ourense. Ao mesmo tempo, o suroeste da Coruña e o Miño de Pontevedra seguirán en nivel amarelo.
Neste contexto, a Secretaría Xeral para o Deporte recomenda non practicar deporte federado na zona en alerta vermella entre as 13.00 e 17.00 horas, excepto no caso dos deportes náuticos e acuáticos. Así mesmo, tanto neste nivel como no laranxa, recomenda a organización das probas que adapte os horarios da práctica deportiva ás "condicións específicas" de cada zona.
A Dirección Xeral de Saúde Pública establece estas alertas seguindo o plan da Xunta de efectos da calor sobre a saúde e con base nos datos proporcionados por Meteosalud e Meteogalicia, que prevén que as temperaturas sigan sendo elevadas ata o martes. Non será ata o mércores cando empecen a baixar, segundo a predición autonómica.
Municipios en alerta vermella
Na montaña de Ourense, os municipios afectados pola alerta vermella o luns serán O Bolo, Carballeda de Valdeorras, Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, Esgos, A Gudiña, Maceda, Manzaneda, A Mezquita, Montederramo, Parada de Sil, A Pobra de Trives, San Xoán de Río, O Riós, A Teixeira, A Veiga, Viana do Bolo, Vilariño de Conso e Xunqueira de Espadanedo.
Á zona do interior de Pontevedra pertencen Agolada, O Campo Lameiro, A Caniza, Cerdedo Cotobade, Covelo, Cuntis, Dozón, A Estrada, Forcarei, Fornelos de Montes, Lalín, A Lama, Moraña, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces.