A comarca de Valdeorras, en alerta vermella este martes con temperaturas que poden superar os 42 graos
A comarca de Valdeorras, en alerta vermella este martes con temperaturas que poden superar os 42 graos
Estarán en nivel laranxa as zonas do Miño e a montaña de Ourense e o interior e litoral de Pontevedra
A máxima deste luns marcouna Salvaterra de Miño con 41 graos
As altas temperaturas continuarán este martes en Galicia e a alerta vermella quedará restrinxida á comarca de Valdeorras, onde os termómetros poderán superar os 42 graos, segundo Meteogalicia. Ademais, segundo informou a Xunta nun comunicado, estarán en nivel laranxa as zonas do Miño e a montaña de Ourense, as Rías Baixas, e o interior e litoral de Pontevedra.
Pola súa banda, o nivel amarelo activarase no suroeste da Coruña e na zona do Miño en Pontevedra. Así, segundo a información recollida por Meteogalicia, os avisos comezarán ás 15.00 horas e estenderanse ata as 21.00 horas da mesma xornada.
Ante esta situación, no referente ao deporte federado, a Secretaría Xeral para o Deporte, recomenda non practicalo na zona en alerta vermella entre as 13.00 e 17.00 horas, excepto no caso dos deportes náuticos e acuáticos.
Pola súa banda, a Consellería de Sanidade lembrou que os principais grupos de risco son as persoas maiores de 65 anos e menores de catro anos, sobre todo os menores dun ano, así como persoas que padezan determinadas patoloxías ou tomen determinados fármacos.
Fronte a este episodio de calor, Sanidade aconsella beber máis líquidos sen esperar a ter sede, evitar bebidas quentes, alcohólicas, café, té ou cola e as moi azucradas, aumentar o consumo de ensaladas, verduras e froitas, evitar comidas copiosas, comer menos cantidade e máis veces ao día, así como manter os alimentos no frigorífico e vixiar sempre as medidas hixiénicas.
A máxima deste luns marcouna Salvaterra de Miño con 41 graos
Salvaterra de Miño alcanzou este luns os 41 graos, a temperatura máis alta rexistrada en Galicia durante esta xornada, que estivo marcada por avisos vermello, laranxa e amarelo por calor.
Segundo a información de Meteogalicia, o termómetro chegou aos 41 graos ás 17.00 horas. Outros puntos de Galicia roldaron tamén os 40 graos, como Ponteareas, con 40,2 graos; Mondariz e Arnoia, con 40 graos; e Ourense, con 39,9 graos.
No extremo contrario, a temperatura mínima máis baixa rexistrouse en Calvos de Randín, con 9,2 graos, seguida de Lalín, con 11,5; Xinzo de Limia, con 11,7; Vilalba, con 11,9; e Baltar, con 13 graos.