A telefonía, a enerxía e os bancos centran as queixas dos consumidores galegos
O Instituto Galego de Consumo atendeu 18.000 consultas e 10.000 reclamacións
Medran un 45 % as queixas contra entidades financeiras
Os servizos e as facturas de telefonía e enerxía seguen a ser o principal quebracabezas dos consumidores galegos. Estes dous sectores acaparan a maioría das 10.000 reclamacións que atendeu o Instituto Galego de Consumo na primeira metade do ano. Pero ollo, porque as queixas contra a banca disparáronse un 43 % en cuestións como os créditos ao consumo ou as comisións.
"Cando cobran comisión polo uso da caixa, ou algún servizo adicional que nós non contratamos nese ámbito bancario, ou as cláusulas dalgunhas hipotecas que son pouco claras e poden rematar en reclamación de consumo", explica Sol Vázquez, xerente do Instituto Galego de Consumo.
As sancións tamén aumentaron. E o sector máis castigado foi o do automóbil, con multas que roldan os cinco millóns de euros.
"Neste caso adoitan ser reclamacións por publicidade enganosa. Nos din que o coche custa tantos cartos, pero logo vas alí e ese prezo vai aparellado a unha financiación. Se non a colles non logras ese prezo", aclara a xerente do IGC.
Así que moito ollo coa publicidade enganosa, a letra pequena ou as cláusulas opacas. E se hai abuso o consello é reclamar e consultar os dereitos do consumidor no teléfono gratuíto 900231123.