Pedrafita, vivir esquivando camións
As obras na autovía A-6 provocan retencións quilométricas e desesperan os veciños
Os cortes na autovía tamén afectan concellos coma Becerreá ou Baralla, que esixen coordinación
Gasolineiras e bares, entre os beneficiados polo desvío do tráfico polo centro das vilas
Quilómetros de tráfico lento, paciencia ao límite. A autovía A-6 ao seu paso por Pedrafita converteuse de novo nunha rateira circulatoria que colapsa a zona urbana. Para os veciños, o día a día, volveuse unha actividade de alto risco. Cruzar a rúa é hoxe un desafío, especialmente para as persoas maiores.
Unha tensión que sofren directamente os que traballan sobre o asfalto. Os repartidores profesionais ven como as súas axendas saltan polos aires. E malia todo, o bloqueo ten unha cara B. Nas gasolineiras e nos bares están contentos. A desesperación dá sede e o aburrimento, fame, así que as caixas rexistradoras flúen.
Pero os problemas non se limitan a Pedrafita. A coincidencia das obras co retorno estival da segunda quincena de agosto tamén está a xerar atascos de máis de 6 quilómetros nas inmediacións de Becerreá. O avance é moi lento e os camións saturan os centros urbanos dos municipios afectados. Aínda que as primeiras horas da mañá adoitan ser máis fluídas, a conxestión intensifícase notablemente a partir do mediodía e a primeiras horas da tarde.
É a realidade destas vilas este verán, onde as obras alteran de novo o día a día sen que ninguén poida prever exactamente cando volverá a normalidade. Previsiblemente non será ata setembro.