Publicador de contidos

Publicador de contidos

Galicia conserva centos de reloxos de sol que forman parte do patrimonio cultural e histórico

Galicia conserva centos de reloxos de sol que forman parte do patrimonio cultural e histórico

Un inventario publicado en 2019 localizou case 600 reloxos de sol só na provincia da Coruña

G24.gal 24/08/2026 21:23 Última actualización 24/08/2026 21:41

Os reloxos de sol forman parte do patrimonio cultural e histórico de Galicia. Hai centos espallados por igrexas, pazos e hórreos.

"Esta semana descubrín un novo no pazo de Vilaboa que xa tiña inventariado un nunha das portas de entrada e agora apareceu outro" comenta o especialista en patrimonio etnográfico Xosé Manuel Yáñez.

Agora xubilado, Xosé Manuel foi coautor dun inventario publicado en 2019. Chegaron a localizar case 600 reloxos de sol só na provincia da Coruña.

"É a provincia en que máis reloxos de sol apareceron, curiosamente nunha zona coma a da Coruña na que non podemos presumir de sol como outras como pode ser o Levante", explica Yáñez.

No século XVIII canteiros e ferreiros eran os encargados de elaborar estes cuadrantes en pedra que indicaban con exactitude a hora do sol. Nas igrexas marcaban o horario do culto, nos hórreos a vida labrega.

"Era un lugar onde toda a xente campesiña podía mirar a hora en que había que tornar as augas para regar os prados ou levar a conta das horas de traballo no campo", engade.

Entre os que se conservan en Galicia, hai auténticas xoias.

"Un que non é de canteiro, é dun erudito que sabía moito de sol e é un reloxo cuádruple -ao norte, ao sur, ao leste e ao oeste- está nunha leira que se chama de dona Rita, na Rigueira, no concello de Miño. E outra das xoias é o reloxo de sol do Hostal dos Reis Católicos", destaca Xosé Manuel Yáñez. 

Comprometido coa conservación destas pezas históricas, Xosé Manuel pide que se acometa a restauración deste último agora que se están a levar a cabo obras no Hostal dos Reis Católicos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade