A nova cuberta do aparcadoiro da estación de tren desata a polémica en Santiago
A estrutura acristalada levantouse diante da vella estación
"Están a tapar parte da historia da cidade", lamenta Apatrigal
Nin composteláns nin viaxeiros logran afastar a mirada da nova marquesiña da estación do tren. Algúns destacan a utilidade da nova estrutura de ferro e cristal. Pero son moitos os que lamentan que a marquesiña tape a vista da vella estación que foi porta de entrada á cidade durante máis de 80 anos.
A Asociación para a Defensa do Patrimonio Galego xa se pronunciou nun comunicado.
"Están a tapar parte da historia da cidade. Non dicimos que esta instalación non sexa necesaria, nin criticamos a arquitectura moderna, pero si a falta de diálogo entre o edificio vello e o novo", explica Ana Paula Castro Jiménez, membro de Apatrigal.
Destacan o valor histórico, simbólico e sentimental que o vello edificio ten para moitos composteláns.
"Non é un edificio tan antigo, pero realmente é unha porta de entrada a Galicia para moitos desde hai moitos anos. Non pode ser tan complicado buscar unha solución que dialogue entre o antigo e o contemporáneo para chegar a un consenso".
Coa construción da marquesiña, a obra da intermodal entra na súa recta final. Tan só resta construír o novo aparcamento que terminará de configurar a nova imaxe da estación do Adif en Compostela.