O programa ambiental PLANCTON retira 385 quilos de lixo mariño en Muros
A limpeza realizada na praia de Cabanas fíxose entre o voluntariado de Afundación e as mariscadoras de Muros
Sacaron preto de 1900 biosoportes de depuradora, 236 paus plásticos de batea e case un cento de bastonciños dos oídos
As mariscadoras de Muros, xunto con voluntarios de Afundación, limparon de lixo mariño a praia de Cabanas. Sacaron 385 quilos de residuos, a maioría plásticos. Trátase de visibilizar e concienciar sobre o lixo que producimos e como boa parte del acaba no litoral.
Un temporal tras doutro deixa á vista nas nosas praias unha cantidade de lixo que amosa pouca conciencia ambiental, tanto a nivel individual como do sector pesqueiro.
Desde hai seis anos o proxecto PLANCTON de Afundación desenvolveu 70 campañas de recollida de residuos para sensibilizar a poboación sobre o respecto ao medio.
"Hoxe estamos coas mariscadoras de Muros facendo unha acción de sensibilización. Por unha banda visibilizamos todo o lixo mariño que hai para identificar a súa orixe e por outra contabilizamos as unidades que se van recollendo dos diferentes residuos, o que nos axuda a visibilizalo", relata Saleta González, directora técnica do Proxecto PLANCTON.
"Os residuos seguen chegando ás nosas costas, lamentablemente e por moitas toneladas que levemos retiradas segue habendo. O impacto vémolo principalmente a nivel de concienciación. Cada vez máis xente está interesada en participar nestas actividades", asegura Manuel Cacheda, do equipo de Responsabilidade Social de Afundación.
Arredor de 30 persoas pasaron a mañá retirando residuos, algúns deles moi miúdos, como os biosoportes das depuradoras ou os paus plásticos das bateas que xa son habituais nos nosos areais.
"Hai moitísimos restos de residuos voluminosos que son da xente que traballa no mar: cordas, nasas... pero tamén hai outro lixo doméstico que non é tan voluminosa pero hai moitísima cantidade e é difícil de recoller, porque son plásticos moi pequenos e xa desfeitos", di Adela Lestón, presidenta da Asociación de marisqueo a pé de Muros
Pero non por seren pequenos desaparecen sós do medio. Só un bastonciño de limpar os oídos tarda uns 300 anos en descompoñerse así que botemos contas antes de tiralos polo inodoro.