Publicador de contidos

Publicador de contidos

Investigadores logran transformar residuos plásticos do mar en produtos para reter contaminantes

Investigadores logran transformar residuos plásticos do mar en produtos para reter contaminantes

Obteñen un sólido carbonoso que pode aplicarse en filtros, emenda de chans ou outros usos

Biólogos e redeiras das rías galegas antes da presentación dos resultados de Polybris/EFE Biólogos e redeiras das rías galegas antes da presentación dos resultados de Polybris/EFE
G24.gal 20/02/2026 13:27

O Museo do Mar de Galicia, en Vigo, acolleu este venres a presentación de resultados da primeira fase do proxecto Polybris, unha iniciativa de investigación coordinada polo centro tecnolóxico ITG, coa colaboración do Instituto de Investigacións Mariñas (CSIC) e o Cabido Insular de Tenerife, que busca promover a sustentabilidade e o aproveitamento circular dos residuos plásticos presentes nos lixos mariños.

A responsable do proxecto, Estefanía Pereira Pinto, subliñou que Polybris (co que tamén colaboraron confrarías de pescadores, organizacións acuícolas e marisqueiras) é unha iniciativa de "economía circular perfecta", porque o beneficio reverte directamente sobre o sector pesqueiro.

Deste xeito, as confrarías colaboraron achegando eses residuos plásticos, rescatados do mar de forma "pasiva", durante os labores de pesca. A través de diferentes procesos termoquímicos, os investigadores obtiveron un produto de valor engadido, un sólido carbonoso ('char') que se pode utilizar en filtros ou na retención de contaminantes de augas residuais marítimo-pesqueiras.

"Grazas a este proxecto recollemos aredor duns 187 quilos de residuos, dos cales cerca de 160 foron residuos plásticos. E eses plásticos puidémolos valorizar en 'char', conseguimos arredor de 20 quilos por cada 100 quilos de residuos plásticos", explicou Estefanía Pereira.

Ademais, sinalou que os investigadores lograron tamén, mediante gasificación, obter un gas de síntese que é precursor doutros combustibles, alcanzando un 65 % de rendemento enerxético, o cal é "altamente interesante". 

A ese respecto, a coordinadora de Polybris destacou que estes descubrimentos poden ter múltiples aplicacións no sector pesqueiro e portuario, xa que "o 'char' ten amplas posibilidades".

"Ademais de servir de filtro, tamén serviría para emenda de chans e outros usos (...)", explicou, antes de sinalar que, no caso da industria marítima-pesqueira, o seu uso nos filtros de depuración permite "boas retencións de fármacos e antibióticos, e contaminantes orgánicos en xeral".

Estefanía Pereira lembrou que o uso do plástico está globalizado e que "os eventos de descargas masivas de plásticos son cada vez maiores", por tanto a aplicación da economía circular para dar unha segunda vida a estes produtos cobra cada vez máis importancia e é "totalmente esencial".

Finalmente, Pereira explicou que o proxecto está nunha fase inicial, coa realización de probas, pero a idea é "conseguir unha boa comercialización" do produto nunha fase final. "Agora mesmo estamos con probas para saber exactamente que retención de contaminantes dáse", explicou, antes de subliñar que os resultados polo momento son "altamente prometedores".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade