O tren de borrascas deixa máis de 3.000 aves mortas na costa galega
Dúas de cada tres son exemplares de arao papagaio, unha ave que adoita vivir en alta mar
Nas praias galegas, sobre todo nas orientadas a mar aberto, localizáronse centos de aves mariñas mortas ou moribundas desde o mes de xaneiro. Unha de cada tres son exemplares de arao papagaio, unhas aves que viven en alta mar e que todo indica que están sucumbindo aos continuos temporais deste inverno.
"Todos estes trens de borrascas sucesivos dificultaron a súa alimentación. Estas aves acabaron debilitándose e morreron de frío. Algunhas aves afortunadas chegan vivas e poden ser recollidas por voluntarios e levadas aos centros de recuperación de fauna como o que temos aquí preto en Oleiros para a súa recuperación", explica Cosme Damián Romay, biólogo do Grupo Naturalista Habitat.
Voluntarios do Grupo Naturalista Habitat limparon esta fin de semana unha praia de Oleiros e atoparon varios araos papagaios e un araíño atlántico, unha ave da que hai moi poucos rexistros en toda a península ibérica. Por iso, para os ornitólogos, esta é unha situación que hai que documentar.
"Estas aves que atopamos veñen engrosar unha lista de exemplares que están contabilizándose en Portugal, en Francia, nas illas británicas, en Galicia e noutras comunidades autónomas, e así temos unha maior idea da bioloxía destas aves e da súa invernada. Temos rexistrado ao redor dunha decena de exemplares de arao papagaio que viñan con aneis das illas británicas, en concreto un deles superaba os 20 anos, son aves moi lonxevas ", detalla Cosme Damián Romay, biólogo do Grupo Naturalista Habitat.
Algún dos paxaros está manchado de chapapote e existe o risco de que poidan ser portadores da gripe aviaria, así que hai que tomar precaucións.
"No caso de atopar algunha ave mariña viva, chamar ao 112 ou aos centros de recuperación de fauna para que a recolla persoal cualificado e formado. As persoas que atopen este tipo de aves mariñas mortas, que non as toquen. Hai que lembrar que estamos en alerta por gripe aviaria e aínda que non se confirmou ningún positivo, existe o risco de que algunha destas aves sexan portadoras", advirte Cosme Damián Romay, biólogo do Grupo Naturalista Habitat.