Os xardíns de camelias, un reclamo turístico no inverno en Galicia
A nosa comunidade posúe as características óptimas para o seu cultivo
Desde Turismo de Galicia puxeron en valor a floración destas especies e a súa riqueza natural impulsando as rutas da camelia
A camelia é a flor que adorna a nosa paisaxe no inverno, que destaca pola súa beleza e pola gran variedade de especies.
Estamos no Pazo de Ortigueira en Santa Cruz de Ribadulla, en Vedra. Participamos este domingo na visita aos seus magníficos xardíns.
"Son camelias preciosas, moitísimas cores, encántame velas aquí tan coidadas, tan bonitas, son espectaculares", di unha das integrantes do grupo de visitantes.
As camelias son un dos recursos naturais máis importantes que ten no inverno Galicia, converténdose nun atractivo turístico máis. Son moitas as contornas públicas e privadas que cultivan camelias. Desde Turismo de Galicia puxeron en valor a floración destas especies e a súa riqueza natural creando desde hai anos as rutas da camelia.
"Combina a natureza, a contorna natural e a contorna patrimonial, non hai que esquecer que parte destas rutas están formadas por moitos pazos que teñen un gran valor patrimonial", destaca Xosé Merelles, director de Turismo de Galicia.
As camelias chegaron a Galicia a finais do século XVIII, procedentes de países coma a China e o Xapón.
"Temos as mellores condicións meteorolóxicas para cultivar as camelias", di Elena nogueira Ribadulla, membro da Asociación Española da Camelia.
"Atraen moito turismo internacional, fundamentalemente do resto de Europa, veñen de Gran Bretaña tamén de América temos visitantes", engade Xosé Merelles.
En Galicia cultívase a variedade duns 2.500 tipos de camelias e é todo un espectáculo a súa floración.