Un amplo operativo busca un bañista nunha praia de Cangas
Un particular deu o aviso ao 112 Galicia pouco despois das 18.00 horas
Un operativo de procura trata de localizar a unha persoa na praia de Barra, en Cangas, despois de que un particular alertase de que atopara as súas pertenzas na area e levaba tempo sen vela.
O particular deu o aviso ao 112 Galicia pouco despois das 18.00 horas e explicou que a persoa adoitaba bañarse nesa zona, pero levaba tempo sen vela e existía a posibilidade de que non conseguise saír da auga.
Os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias solicitaron a intervención de Salvamento Marítimo, de Gardacostas, da Garda Civil, da Policía Local e do Servizo Municipal de Protección Civil de Cangas.
Para a procura mobilizouse o helicóptero de rescate Pesca I, de Gardacostas, e tamén se desprazaron embarcacións da Garda Civil.
Os medios continúan revisando a zona por terra, mar e aire para tratar de localizar á persoa.